Friday 22 de November de 2024

A tempada galega de pesca fluvial 2017 comeza o vindeiro 19 de marzo con máis tramos de pesca libre sen morte


A oferta de tramos nesta modalidade volve a incrementarse nas catro provincias galegas, así, para este ano, os interesados disporán dun total de 328 quilómetros de río para esta práctica

A tempada de pesca fluvial do 2017 arranca en Galicia o vindeiro 19 de marzo con novos tramos de pesca libre sen morte. Os espazos destinados para a práctica desta modalidade seguen a incrementarse nas catro provincias galegas, concretamente, nos ríos Furelos, Grande de Baio, de Vimianzo, Cabe, Miño, Neira, Abredo, Pentes, Gallo e Rodeiro. Así, para este ano, os interesados disporán dun total de 328 quilómetros de río para a pesca sen morte, que contrastan cos 199 que había en 2012.

Ademais, a tempada de pesca fluvial 2017, que comeza o vindeiro domingo 19 de marzo, ofrece máis de 310.000 permisos para a práctica deste deporte en 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros e 148 coutos.

Segundo indica a Orde anual que regula a pesca fluvial e que foi publicada no DOG en febreiro (http://bit.ly/2lL9Ype), a pesca debe facerse con cana, mosca artificial ou culleriña, anzol e sen engado natural e, con respecto á modalidade sen morte, é obrigatorio devolver as capturas á auga tras a súa extracción.

En canto aos horarios e días hábiles, e sempre con carácter xeral, o regulamento establece como inhábiles os luns, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves laborais da tempada poderase pescar, pero só na modalidade sen morte en todas as masas de auga, excepto o 13 de abril, Xoves Santo, que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

Sobre o intervalo de tempo habilitado para a práctica deste deporte, estará permitido pescar entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta, pero, para máis seguridade, as horas poderanse consultar na páxina web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.gal).

Ademais, a normativa sinala algunhas especies vedadas, como son o cangrexo de río, a reñosa, o espiñento, o sábalo e a anguía.

A tempada comeza coa troita
A tempada 2017 de pesca fluvial inicia o 19 de marzo coa troita e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña retrasarase a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral, establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

Relevo xeracional
A aposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de seguir ampliando as zonas de pesca libre e sen morte responde a un compromiso deste departamento co relevo xeracional e a divulgación dos valores deste deporte entre os máis novos. Por iso, recentemente, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou un total de 59 convenios con outras tantas entidades de pesca fluvial de Galicia.

Ademais de captar novos pescadores, coa sinatura destes convenios preténdese promover e divulgar os valores naturais e da pesca fluvial e recreativa como unha práctica sustentable mediante a celebración de campionatos e eventos relacionados coa actividade piscícola.

Asemade, fomentar a pesca sen morte é unha medida eficaz de conservación ao tempo que unha práctica menos lesiva e sustentable. En definitiva, unha medida que se asenta nos piares básicos da protección, do control e da conservación dos valores naturais e da biodiversidade na Comunidade autónoma que defende este departamento.

No caso de necesitar máis información sobre a tempada 2017 de pesca fluvial en Galicia, neste enlace poderán acceder á guía informativa completa.