A Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene está levando adiante desde primeiros de ano un proxecto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas en colaboración con outros municipios da comarca. Nel encádrase o programa “Máis que un teito”, que vén sendo un espazo de aprendizaxe centrado na educación emocional das familias con nenos e nenas de primaria. Son obradoiros para a rapazada acompañada dunha persoa adulta do núcleo familiar que se desenvolverán polas tardes até o mes de maio no CEIP Centieiras de Perlío. A iniciativa está subvencionada pola Consellería de Sanidade.
Os obxectivos deste programa son a mellora das actitudes educativas e preventivas das familias, ademais da promoción e reforzo dos factores de protección familiar de cara a reducir o impacto de factores de risco relacionados con todo tipo de adiccións. Por outra banda, as sesións tamén pretenden incrementar as habilidades das persoas participantes para o desenvolvemento de pautas de xestión familiar.
Trátase, en definitiva, de achegarlles ás familias novas ferramentas educativas e de apoio ao crecemento saudable dos seus fillos e fillas. Os temas a tratar están relacionados coa educación emocional e para iso nos obradoiros traballarán conxuntamente rapazada e persoas adultas.
Porén, “Máis que un teito” non son charlas, senón espazos para aprender dun xeito distendido. Son exercicios de relaxación, xogos cooperativos e momentos de contacto físico entre os nenos e nenas e os seus papás e mamás que se van intercalando con consellos sobre como traballar tanto a empatía como os límites e normas.
As sesións desenvolvéronse desde xaneiro a marzo no CEIP Os Casais e no Centro municipal de Servizos sociais de San Valentín. Agora pasan ao CEIP Centieiras, en Perlio, onde terán lugar todos os martes desde o 14 de marzo ata 30 de maio en horario de 16.30 a 18.00h. A coordinadora do programa é a pedagoga municipal Mª José Paz e para obter máis información pódese contactar con ela nos seguintes enderezos:
CENTRO MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS – AREA DE BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE
Avda.do Mar, Bloque 1, Baixo – San Valentín
Teléfonos: 981.492.706 / 981 342607
Caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal