OS NOVOS TRABALLOS CÉNTRANSE NA ESCAVACIÓN E POSTA EN VALOR DA MURALLA SITUADA NO RECINTO SUPERIOR DO XACEMENTO
O Concello de Riveira acaba de formalizar esta mañá un solicitude de fondos pertencentes ao plan Leader (Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, xestionado polo GDR Deloa) co fin de levar a cabo unha nova actuación arqueolóxica no xacemento de Castro da Cidá: a terceira dende que no ano 2014 se comezou a desenterrar este importante enclave.
Os novos traballos teñen por obxecto escavar e poñer en valor a muralla do recinto superior do castro.
Tres murallas
Neste senso, e en base aos datos obtidos nas dúas primeiras intervencións, pártese de que o Castro da Cidá é un asentamento fortificado cunha extensión aproximada de 21.600 metros cadrados dos cales unicamente se actuou no 5% do total. Mantén unha configuración oval en planta e estrutúrase en base a dous liñas de defensa exterior (unha perimetral e outra parcial) mais outra en forma de parapeto no recinto superior ou croa.
A escavación prevista céntrase nesta terceira infraestrutura, que se configura como un terraplén rematado en parapeto circundando os 2.375 metros de superficie da citada plataforma superior, área na que tiveron lugar as dúas primeiras fases.
O obxectivo da intervención reside na investigación científica do xacemento e a adopción das medidas necesarias para garantir a conservación das estruturas que o conforman e revalorizar este elemento patrimonial a través do seu aproveitamento cultural e a súa difusión didáctica.
O importe global da actuación ascende a un total de 233.410,60 euros, IVE incluído, das cales o plan Leader pode cofinanciar entre o 30 e o 90%, asumindo a diferenza restante o propio Concello.