Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame homenaxea a unha ducia de veciñas que traballan ou traballaron no sector hostaleiro


A Casa da Cultura acolleu a conmemoración do Día da Muller cun acto multidisciplinar no que se mesturou teatro, música, poesía e divulgación coa muller como eixo central

O Concello de Lousame conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto multidisciplinar na Casa da Cultura que mesturou unha homenaxe ás veciñas que traballan ou traballaron no sector hostaleiro cunha actuación teatral, unha actuación musical e un recital de poesía con pezas realizadas especificamente para esta conmemoración e que tiveron á muller como eixo central, tanto pola súa temática como polas persoas que as interpretaron.

De feito, a única presenza masculina na sesión foi a dos gaiteiros de “O Son do Pote”, que actuaron ao inicio e ao remato do acto, e de Fernando Froxán, que dirixiu ao quinteto de rapazas da Escola de Música de Lousame. A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, foi a encargada de dar a benvida ás preto dun centenar de veciños e veciñas que se reuniron esta mañá no auditorio da Casa da Cultura de Lousame para “homenaxear a unha mulleres que traballan ou traballaron nun mundo como o da hostalería, onde os números din que o 52% son mulleres pero a fama e as estrelas Michelín as levan os homes”.

Unha homenaxe na que participaron unha ducia de veciñas do municipio, mentres que outras catro desculparon a súa presenza por motivos laborais ou de saúde. Cinco delas mesmo conformaron unha mesa de debate na que contaron aos presentes as súas experiencias laborais e como foi cambiando o trato co paso do tempo. Trátase de Nieves Yañez González, Laura Salgado García, Esperanza Piñeiro Abeijón, Manola Viero Romero e Nélida Fernández Fariñas, que estiveron moderadas pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Cambio da sociedade

Nélida Fernández comentou as diferenzas entre traballar no sector hostaleiro en Suiza e en Galicia: “aquí foi onde me chocou máis, porque había un respecto distinto. Aquí houbo xente que me faltou ao respecto porque as señoras que atenden nos bares non son para ir pellizcándolles”; e mandou unha recomendación a todas as mulleres: “a muller non é nin máis nin menos ca un home, pero ten que darse a valer”.

Algo que tamén corroborou Esperanza Piñeiro, quen dixo que “en Suíza traballei nun restaurante e trouxen ideas novas. Pero aquí había moito que cambiar porque nas aldeas había moito machismo. Eu aquí oín de todo. Non tanto dos veciños, que eran respectuosos, pero os que viñan de fora… ás veces facíanche chorar”

Pola súa banda, Manola Viero lembrou como no comedor escolar “non nos pagaban igual. En cada colexio se pagaba o que estipulaba o director e, dentro do colexio, pagábase distinto polo mesmo traballo. Hoxe en día xa temos un convenio e os soldos son iguais entre homes e mulleres”.

Uns testemuños que “permiten ver como a sociedade evoluciona e como grazas a traballo de todos, homes e mulleres, imos camiñando cara a igualdade”, apuntou Teresa Villaverde. A alcaldesa de Lousame indicou que “agora ir de camareira é algo normal pero houbo uns anos no que era algo negativo para a muller, que era criticada incluso polas propias mulleres. Grazas a Deus percorremos moito camiño pero aínda queda moito que andar”. Neste sentido, puxo un exemplo: “moitas mulleres encargáronse da cociña de moitos locais pero non tiñan o prestixio que hoxe ten a cociña. Fixádevos que agora que a cociña é algo prestixioso fálase máis de chefs ca de cociñeiros, porque o uso da linguaxe tamén é importante nas cuestións de xénero”.

O Concello de Lousame agasallou a todas estas mulleres cun ramo de flores, música de Lousame e un pequeno cadro sobre as minas de San Fins elaborado por membros de A Creba, asociación pro saúde mental. No seu discurso final, Teresa Villaverde agradeceu a colaboración de todas estas mulleres, “en especial ás pioneiras, ás que tiveron que pasar os tempos máis difíciles” e fixo un chamamento á igualdade de xénero, que comeza “colaborando nas tarefas do fogar para conciliar a vida laboral e familiar”.

Neste sentido, Villaverde lembrou que Lousame conta con dous plans de igualdade e que actualmente está traballando no terceiro e que aposta decididamente pola conciliación, “tanto coa gardería e o programa Concilia, que este ano incrementou a súa duración, como cos nosos maiores no centro de día, na axuda a domicilio ou nos obradoiros de memoria nas parroquias, sen esquecer os programas de formación”. Por iso, rematou o acto cun chamamento a “chicos e chicas, que ninguén nos diga como vestirnos, que ninguén nos insulte, que ninguén nos diga que non valemos ou que non podemos facer algo. O maltrato verbal, igual que o físico, é algo que non se pode permitir”.

Colaboracións

Despois do coloquio de mulleres hostaleiras e antes da entrega de agasallos, os presentes na Casa da Cultura desfrutaron en exclusiva de tres pezas especialmente creadas para a ocasión. En primeiro lugar, Ángeles Rial deu lectura a unha poesía sobre o papel da muller no mundo laboral actual especialmente creada para este acto.

Despois foron os integrantes do grupo de teatro infantil e xuvenil lousamiá, Teatrando Alecrín, os que representaron unha peza teatral sobre a diferente consideración social que tiñan homes e mulleres desenvolvendo un mesmo traballo: o de camareiro/a e cociñeiro/a. Finalmente, un quinteto de alumnas da Escola de Música de Lousame, dirixidas por Fernando Froxán, musicaron un poema de Rosalía de Castro, “Adios ríos, adios fontes”.

Con esta conmemoración, o Concello de Lousame continúa coa práctica iniciada en 204 de homenaxear cada ano a distintos colectivos de mulleres do municipio, como son as leiteiras, as agricultoras, as traballadoras da mina ou as mulleres da posguerra.