Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 145.000 euros no saneamento e pluviais de Oza-Cesuras grazas ao Fondo de Compensación Ambiental


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Pablo González Cacheiro, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O acto tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta na Coruña.
En total, investíronse máis de 145.000 euros na implantación de saneamento e recollida de pluviais en catro lugares do municipio. En concreto dotáronse de redes de pluviais a Parada e Igrexa-Paderne, mentres que os traballos de saneamento beneficiaron ás parroquias de Vilar de Costoia-Porzomillos e Casagrande-Dordaño.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.