O Concello solicitaralle á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia o arranxo da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira
O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade a proposta do alcalde, Roberto Rey, de solicitarlle á Dirección Xeral de Mobilidade a integración do Concello de Frades nas áreas de transporte metropolitano de Santiago e da Coruña. “A día de hoxe hai varias liñas do transporte metropolitano que pasan por Frades sen que os seus veciños e veciñas se podan beneficiar dos prezos especiais deste transporte ao non estar Frades adherido ao transporte metropolitano”, explicou Rey Martínez, quen salientou que a entrada de Frades sería “moi beneficioso, sobre todo, para os mozos que estudan en Santiago e tamén para aqueles que se desprazan na busca de atención médica especializada”.
O alcalde explicou que, unha vez aprobada a solicitude polo pleno municipal, agora tocaralle decidir á Dirección Xeral de Mobilidade e realizar un estudo para a integración do municipio. “Sabemos que suporá un custe para o Concello, que non sabemos canto será pero, tendo en conta municipios parellos podería andar entre os 2.000 ou 3.000 euros ao ano”, apuntou Roberto Rey, quen salientou as vantaxes que suporía para os veciños e veciñas do municipio: “e se hai rapaces e rapazas menores de 18 anos que precisan deste transporte, o custe será de cero euros”.
Arranxos da N-634
A unanimidade mantívose en todos os puntos da orde do día, salvo nunha das mocións do Partido Popular. Así, todos os grupos refrendaron o informe da arquitecta municipal que denuncia que “o estado da N-634 ao seu paso por Frades, tanto no seu tramo urbano como interurbano, presenta moitas deficiencias que dificultan o tránsito de peóns e condutores e que supoñen un problema na seguridade viaria dos mesmos, polo que é necesario o seu arranxo”, explicou Roberto Rey.
O alcalde indicou que “o tramo urbano ten o estado do firme moi deteriorado, con grietas e elementos desprendidos, as beirarrúas teñen rebentados os seus bordes e non existe ningún paso peonil en todo o traxecto. Ademais, as dúas vías de servizo presentan grandes fochancas e desperfectos”. Rey Martínez explicou que xa mantivo reunións coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e que é preciso solicitar o seu arranxo antes de plantexarse calquera posibilidade de cesión da infraestrutura ao Concello.
Convenio Fegamp
Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade adherirse ao convenio entre a Fegamp e as empresas subministradoras de enerxía para a protección das persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou urxencia social, o que evitará que se lles poida cortar o subministro por problemas de impago. Tamén se aprobaron por unanimidade dúas mocións do grupo popular: un manifesto en conmemoración do Día da Muller, elaborado polo Centro de Información á Muller de Ordes; e unha moción na que se insta á Xunta de Galicia, en colaboración coa Fegamp, a promover un pacto pola conciliación da vida laboral e familiar nos concellos de Galicia.
Finalmente, o pleno aprobou, cos 9 votos a favor do PP e os 3 votos en contra do BNG, unha moción do Partido Popular para instar á Deputación da Coruña a que garanta que o Concello de Frades non verá reducidos os seus ingresos co Plan Único con respecto ao ano anterior. Roberto Rey recoñeceu que “semella que hai boa vontade por parte da Deputación e agardamos que se inclúan os remanentes de Tesourería para que os veciños e veciñas de Frades non perdan cartos con respecto ao ano anterior”. O BNG xustificou o seu voto en contra en que é preciso “esperar a final de ano a ver que pasa e non poñer o carro antes cos bois”, apunto José María Pérez.