Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Goberno acorda a construción dun novo parque infantil en Meixonfrío


O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu conta hoxe dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local deste venres. Entre os acordos destaca a adxudicación do contrato para a instalación dunha área de xogos infantil no barrio de Meixonfrío.

Acordouse adxudicar o contrato á empresa Lappset españa VR SL por un importe de 47.994,54 euros máis IVE. A empresa compromete un incremento de tres anos no período mínimo fixado para o mantemento e a garantía da nova instalación.

A Xunta de Goberno decidiu tamén a suspensión temporal das obras de acondicionamento da Casa das Mulleres, no antigo local de Emuvissa, que se atopan agora mesmo na fase de saneamento dos aseos, conexión cos colectores e remate do formigón. O motivo da suspensión temporal, tal e como indico o alcalde, é “para conseguir a autorización precisa da comunidade de veciños”.

Finalmente, deuse luz verde á concesión de varias bolsas de comedor escolar e actividades extraescolares por causas sobrevidas. Trátase dunha novidade no programa de bolsas de comedor que permite a concesión das mesmas rematado o prazo para solicitalas se concorren circunstancias como o traslado de centro escolar ou municipio, situación de violencia de xénero ou cambio na situación sociofamiliar.