Friday 22 de November de 2024

A Comisión Executiva do Consorcio analiza o documento de proposta estratéxica para os Anos Santos 2021 e 2026


O Consorcio da Cidade de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Na xuntanza presentouse o primeiro documento de proposta estratéxica elaborado polo Consorcio para o horizonte dos vindeiros Anos Santos 2021 e 2026 para a súa análise pola Comisión Executiva.

Unha vez presentado o documento, ábrese agora un prazo para o debate e a aportación de suxestións por parte de todas as Administracións e membros participantes. Nas vindeiras semanas iranse incorporando novas propostas co fin de mellorar o documento.

No transcurso da reunión tamén se deu conta dos actos previstos para conmemorar os 25 anos da creación do Consorcio. E aprobáronse varias liñas de axudas no marco do Programa de Recuperación Urbana do organismo e unha serie de convenios con fins culturais.

Axudas para a rehabilitación de madeira e reixas
A Comisión aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas nos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico. O importe global destas subvencións ascende aos 150.000 euros.

Axudas a locais comerciais
Por outro lado, deuse luz verde á convocatoria para a concesión de subvencións no marco do Programa Localízate 2017, centrado na mellora dos locais comerciais da cidade histórica. Este ano destinaranse 150.000 euros en axudas para optimizar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais.

Terán preferencia as obras destinadas a mellorar a accesibilidade e primarase así mesmo a apertura de novos locais actualmente sen uso. Ademais, búscase favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), a mellora da imaxe externa e do interior, o acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.

Acondicionamento do sendeiro do río Sarela
Na xuntanza aprobáronse varios convenios con diferentes organismos e entidades culturais e educativas da cidade, por un valor global de 809.588,23 euros. No caso do Concello de Santiago, levarase a cabo o proxecto de restauración e mellora do itinerario fluvial “De ponte a ponte polo río Sarela”, co fin de recuperar e poñer en valor a riqueza patrimonial e ambiental desa zona. E co Concello continúa o acordo para a realización do espectáculo dos fogos do Apóstolo deste ano.

Co Auditorio de Galicia aprobouse un convenio para o desenvolvemento de diversas actividades culturais e outro para a celebración do festival de cine Cineuropa 2017. Coa Fundación Granell mantense o acordo para a posta en marcha de iniciativas culturais na súa sede. Pola súa parte, segue a colaboración con Música en Compostela, o curso universitario internacional de música española que cada ano se celebra en Santiago durante o mes de agosto.

Ademais, renóvase o convenio co Instituto Arcebispo Xelmírez I para seguir coa restauración dos fondos bibliográficos da súa biblioteca histórica. Ao longo do ano pasado xa se avanzou moito nas tarefas de recuperación e conservación e agora, nesta segunda fase, desenvolverase a restauración dunha primeira edición completa de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers do século XVIII e o tratamento dunha serie de láminas e mapas antigos. Está previsto ademais realizar unha exposición co material máis valioso que atesoura a biblioteca.

Praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia
A Comisión Executiva do Consorcio aprobou as bases para convocar a praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia, ao quedar vacante na derradeira convocatoria. Nos candidatos valorarase, entre outros aspectos, a experiencia profesional en tarefas de máxima responsabilidade técnica nunha orquestra pública e/ou nun organismo de carácter cultural.

Despedida ao secretario do Consorcio
Ao remate da xuntanza, os membros da Comisión Executiva despediron ao secretario do Consorcio e do Concello de Santiago, Javier Castiñeira Izquierdo, que en breve abandonará o cargo en ámbolos dous organismos con motivo da súa xubilación.