Saturday 16 de November de 2024

Fene integrarase no novo sistema galego de xestión de bibliotecas


A biblioteca municipal de Fene é un dos 70 servizos de préstamo e de promoción da lectura que formarán parte en breve da segunda fase de implantación do SIXB, o novo sistema integrado de xestión bibliográfica que está levando adiante a Consellería de Cultura. Baseado en software libre e con maior potencia, o sistema permitirá usar o mesmo carné en calquera biblioteca pública galega e acceder en liña a un catálogo que agora agrupará os fondos de todas elas.

O obxectivo da Xunta é ir unificando tanto a xestión como a catalogación dos recursos existentes na rede de bibliotecas públicas galegas, que abranguen libros principalmente, pero tamén publicacións periódicas e documentos en soportes audiovisuais.

O SIXB está baseado na plataforma Koha, creada en 1999 en Nova Zelandia e unha das máis utilizadas en todo o mundo pola súa sinxeleza, por tratarse de software libre e porque permite a centralización das referenzas aos fondos facilitándolle o acceso tanto ás persoas usuarias como ao persoal técnico, nun caso para as procuras e no outro para a xestión completa do servizo.

Así, co novo sistema haberá un carné único válido para todas as bibliotecas da rede que, ademais, disporán dun catálogo colectivo tamén único. Esas son as dúas principais vantaxes deste proxecto que xa está implantado en 38 municipios galegos e que agora se vai poñer en marcha tamén en Fene.

Segundo a Consellería de Cultura, dispor dun catálogo compartido en liña e dun mesmo carné abrirá as portas para que se poidan localizar e reservar recursos desde calquera lugar a través de internet.

A plataforma irá substituíndo pouco a pouco ao antigo Proxecto Meiga, o aplicativo que ata agora empregaban a práctica totalidade das bibliotecas galegas, fornecido hai máis dunha década pola Xunta.

O Sistema Integrado de Xestión Bibliográfica da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia nace ao abeiro dun convenio suscrito entre o goberno galego e a FEGAMP ao que poderán adherirse os municipios que desexen implantar a nova ferramenta. Fene xa lle comunicou á Subdirección Xeral de Bibliotecas o seu interese na iniciativa que comezará a utilizarse neste servizo municipal nas próximas semanas.