Belén do Campo comprometeuse a traballar intensamente para axilizar o proxecto de limpeza e canalización de parte do río Cádavo para evitar os asolagamentos no núcleo de Perlío
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Fene, Gumersindo Galego, no que analizaron os proxectos que o Goberno galego está a desenvolver no municipio, entre os que se atopan as actuacións para evitar novos desbordamentos no río Cádavo, ao seu paso por Perlío.
Segundo indicou Do Campo, Augas de Galicia está a traballar na redacción do proxecto para acometer a limpeza xeral do cauce do río, ademais da estabilización das marxes e a instalación dunha nova canalización no tramo que discorre baixo a estrada. A partir de aí, a actuación ratificarase coa sinatura dun convenio de colaboración entre ambas administracións, no que queden recollidas as obrigas e o orzamento necesario para a obra, que se estima en 200.000 euros. Neste senso, a delegada territoial comprometeuse a traballar intensamente para axilizar a tramitación desta intervención, que permitirá eliminar os asolagamentos nesta área.
Na mesma liña, a máxima representante do Goberno na provincia e o rexedor estudaron o estado no que se encontran os trámites sobre a cesión a prol do concello do tramo antigo da estrada de Barallobre, que dá acceso ao colexio de Educación Infantil e Primaria O Ramo, á escola infantil e ao pavillón polideportivo.
No transcurso da reunión, a delegada territorial reiterou a súa vontade de atender estas as propostas no menor prazo de tempo posible. Tamén lle expresou ao primeiro edil “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” con fin de obter a coordinación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e contribuír a mellorar a súa calidade de vida.
O de hoxe foi un encontro institucional enmarcado na rolda de contactos que realiza a delegada territorial de forma periódica cos rexedores para coñecer de primeira man a realidade dos concellos e poder atender da mellor forma as súas necesidades.