Confirman por primeira vez a causa do atraso de máis de 14 meses: a tramitación dun proxecto modificado que finalmente foi aprobado o pasado 3 de febreiro
O Ministerio de Fomento vén de confirmarlle ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás, que as obras de construción da saída sur da AP-9 en Sigüeiro, iniciadas a principios de 2015 e paralizadas dende outubro de 2015, “estarán concluidas previsiblemente en dos meses”. Así llo confirma o subdelegado do Goberno, Miguel Ángel Jiménez Martín, en contestación a un escrito enviado polo alcalde orosán a principios de febreiro, co gallo do reinicio das obras.
Así mesmo, Jiménez Martín ofrece por primeira vez unha xustificación oficial aos catorce meses nos que as obras estiveron paralizadas: “las obras sufrieron un retraso por la tramitación de un proyectos modificado que finalmente fue aprobado el pasado día 3 de febrero”. Neste sentido, Mirás Franqueira celebra que “cando menos as xestións que estamos realizando dende o Concello teñen o seu froito e xa temos unha data para a posta en servizo desta infraestrutura e unha explicación oficial das razóns que motivaron estes catorce meses de paralización”.
“Ao final tiñamos razón dende o principio e o problema radicaba todo nun modificado dun proxecto”, apunta o rexedor orosán, quen lamenta que “por un problema administrativo os veciños e veciñas de Oroso, así como os máis de 20.000 condutores que cada día circulan por esta estrada, tiveran que soportar as molestias e riscos que supoñía pasar por unha zona en obras, sobre todo en horario nocturno”. Así mesmo, agarda que “á cuarta vaia a vencida e, polo ben dos nosos veciños e veciñas, as obras queden rematadas en maio de 2017, case dous anos despois da primeira data oficial”.