Feiras agroecolóxicas, mostras de aves e gando autóctonos, probas de andadura, concurso de disfraces, encontros folclóricos, cetrería etc conpoñen o programa. O domingo non faltarán as degustacións deste prato tan sinalado na gastronomía galega
O Concello de Ordes vén de facer público o programa da XIX Festa do Lacón con Grelos, que terá lugar no Mesón do Vento os vindeiros días 11 e 12 de marzo.
Unha edición que presenta importantes novidades como son as exposicións de aves e gando autóctonos ou a I Feira Agroecolóxica, as cales terán lugar ao longo de toda a fin de semana, e ás que hai que sumarlle tamén as de cetrería.
O cartel tamén inclúe para o sábado, 11 de marzo, o II Encontro Folclórico (16 horas) e o tradicional concurso de disfraces (17 horas) con máis de 1.100 € en premios. Xa ao día seguinte, domingo 12 de marzo, a degustación do lacón con grelos será o máis sinalado. Bares, restaurantes e establecementos da zona comezarán a repartir tapas e racións a partir do mediodía. Ao longo de toda a xornada sucederanse as probas de andadura puntuables para o XX Campionato Galego (a partir das 11.30 horas) con case 2.000 € en premios. Novamente os amantes dos cans teñen unha cita ineludible coas probas de agility (12 horas), nas que se repartirán 250 € en premios. A festa e a diversión na sesión vermú estarán animadas por actuacións en directo para dar paso ás carreiras libres (17 horas) con 780 € en premios, seguidas das de burros (18 horas) con 160 € en premios. Novamente a música en vivo porá o punto final a este día de festa.