Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, comprácenos un ano máis informarvos das actuacións que terán lugar o día 8 de marzo, “Día Internacional da Muller”.
Mércores 8 de marzo en horario de 9:00h a 14:00h.: XVI Maratón de Lectura “Fene Lendo Mulleres” – Biblioteca Municipal “Pérez Parallé”
Mércores 8 de marzo as 19:00 h A MULLER NO DEPORTE. “ESTEREOTIPOS DE XÉNERO”. Mesa de experiencias e debate – Salón de Actos da Casa da Cultura.
Para a elaboración do “Manifesto” do 8 de marzo este ano contamos coa colaboración de Puri Hermida Arosa, presidenta do Club de Fútbol Cultural Maniños; única muller ao fronte dun equipo de Fútbol Masculino de Primeira Autonómica. Técnica en Prevención e xogadora de baloncesto na infancia, asume a presidencia do Cultural Maniños no 2013, despois de pasar por outros cargos de responsabilidade no club. Foi tamén xogadora no Cultural Maniños o ano que se formou o equipo feminino de fútbol.
Puri será a encargada, xunto á concelleira de Benestar Social e Igualdade, de inaugurar o XVI Maratón de Lectura “Fene Lendo Mulleres”.
A actividade terá lugar na Biblioteca Municipal Pérez Parallé, na Casa da Cultura de Fene, o Mércores 8 de marzo de 2017 en horario de 9:00h a 14:00h.
A dinámica da actividade será como en anos anteriores, solicitando que cada centro, a través do seu alumnado, traballe nas aulas textos escritos por mulleres, ou mesmo outros textos elaborados por eles que serán lidos por escolares designados nas aulas entre as/os compañeiras/os. As lecturas serán elixidas no centro, podendo respectarse o idioma no que estea escrito. A temática debe xirar no eido da igualdade entre homes e mulleres e/ou na visibilización da muller.
Ao remate da actividade cada grupo poderá tomar unha merenda saudable a base de froita, zumes e bollería artesán.
Ao centro escolar faráselle entrega dun diploma acreditativo de participación na actividade. E ao persoal docente se lle entregará un pequeno agasallo en agradecemento á súa colaboración.
O gasto do transporte está subvencionado pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene.
Dada a imposibilidade de retransmitir a actividade en directo pola Radio Municipal, como fixéramos nos primeiros anos, procederemos á gravación continuada de todas as lecturas para posteriormente ser remitidas en formato mp3 a cada centro. Igualmente, estableceremos un espazo radiofónico dunha media hora, no que se retransmitirán as lecturas, sendo cada día o protagonista un centro escolar (RadioFusión-Radio/Fene: 107,7 FM).
Pola tarde, as 19:00 h no salón de actos da Casa da Cultura, terá lugar o acto A MULLER NO DEPORTE. “ESTEREOTIPOS DE XÉNERO”. Mesa de experiencias e debate.
A participación das mulleres na actividade física e no deporte foi e aínda é na actualidade, menor ca dos homes. Isto non é un feito casual nin illado, xa que a participación da muller é menor nos ámbitos que tradicionalmente considéranse públicos como o mundo laboral, político, cultural… e o deporte é un deles.
A través da experiencia de varias mulleres deportistas de Fene e bisbarra, analizaremos o mundo no que se moven, as dificultades que atopan, as barreiras, as discriminacións por razón de xénero, o tratamento dos medios de comunicación, o comportamento do público…
PARTICIPANTES:
Puri Hermida Arosa, presidenta do Club de Fútbol Cultural Maniños de Fene.
Raquel Ortega Jorge, árbitra de fútbol feminino na Preferente Autonómica. Ferrol.
Carolina Castro Fajardo, xogadora de fútbol do Cultural Maniños. Fene
Almudena Fernández López y Leticia Rey Vigo, capitanas do Equipo Feminino de Fútbol de Perlío. Fene.
Paula Mayobre, atleta internacional coa selección española en seis ocasións. Varias veces campiona de España e Galicia en todas as disciplinas. Mugardos.
Fátima Ameneiro, Campeona de España de Copilotos de Rally Femininos y varias veces campiona galega. Fene
Esther Ruíz Calero, ex-xogadora de Rugby e ex-manager. Barcelona.
Unha xogadora do equipo de Baloncesto Star Center Uni Ferrol. Liga Feminina Nacional de Baloncesto. (por determinar). Ferrol.