Saturday 23 de November de 2024

Feijóo sostén que “non é esta unha época de muros” senón, pola contra, “de pontes”, de apuntalalas e proxectar outras mellores


Salienta que a España constitucional é unha obra de todos e aposta por intentar perfeccionala entre todos

O presidente da Xunta sostivo que “non é esta unha época de muros” senón, pola contra, “de pontes”, de apuntalalas e proxectar outras mellores. Con estas palabras, Alberto Núñez Feijóo avogou, durante unha conferencia-coloquio no marco do ciclo Conversas no Círculo. A hora da Política, organizado polo Círculo de Economía, por iniciar unha nova etapa baseada nunha política democrática, que responda aos intereses da maioría, pero sempre dentro das regras do xogo que a maioría fixou previamente.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou que a España constitucional é unha obra de todos e apostou por intentar perfeccionala entre todos. E, ao fío disto, lembrou que en Galicia se desenvolveu un patriotismo inclusivo, que permitiu salvagardar a unidade dos seus cidadáns en torno a un proxecto de país orgulloso de selo, pero ao mesmo tempo aberto e comprometido co interese xeral que todos compartimos.

“A autonomía é a ferramenta que nos permitiu pasar de estar en España e en Europa a ser España e Europa. De suxeitos forzosamente pasivos a suxeitos activos donos do noso destino. Nun mundo de interdependencias, a autonomía dótanos da capacidade para achegar a nosa maneira de ver e facer as cousas a comunidades máis amplas”, abundou.

Nesta mesma liña, Feijóo resaltou que hoxe en día a Galicia económica está en consonancia con ese estilo autonómico: “Unha das primeiras multinacionais do planeta é galega; unha das grandes industrias galegas ten matriz francesa; os nosos estaleiros recibiron encargos da maior compañía de México; e os emprendedores venezolanos contribuíron a relanzar a nosa principal entidade financeira, mentres que outra forma parte destacada dun gran banco de tradición catalá”.

Galicia, un territorio aberto
Todas estas realidades iluminan, segundo o titular da Xunta, unha das máximas que definen a Galicia actual: “somos un territorio aberto, onde a galeguidade non se mide polo berce, senón polo compromiso”, incidiu.

Para o presidente da Xunta o efecto da cultura autonómica sobre a sociedade galega non foi o repregamento, senón a expansión; “e o efecto da sociedade galega sobre a autonomía –engadiu-, o dun forte revestimento de sentido común. Ese ‘sentidiño’ que tanto pregoou o noso primeiro presidente Xerardo Fernández Albor e ese ‘seny’ que tan ben caracteriza o día a día do pobo de Cataluña”.

Diante disto, Feijóo asegurou que a sociedade catalá é perfectamente consciente da responsabilidade que ten ante si e expresou o seu convencemento de que saberá asumila coa madurez que a caracteriza, “xa que se algo tivo de positivo todo este proceso é que sacou á palestra pública unha serie de debates que permiten contrastar os imaxinarios baseados en prexuízos coas realidades representadas con datos”.

Mellorar o financiamento das comunidades
Sobre este punto, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que hai fórmulas para mellorar o financiamento das comunidades autónomas; “intereses compartidos por todos, que entre todos debemos conciliar para obter un mellor trato do Estado”, aseverou, ao que engadiu que, non obstante, a adopción dunha vía unilateral, contraria á que tradicionalmente percorreu a sociedade catalá, levaría ao colapso financeiro da que sempre foi un dos territorios máis puxantes de España.

Neste sentido, afirmou que cando as axencias de cualificación aventuran a degradación da débeda en caso de independencia; cando os fondos internacionais esixen cláusulas que os protexan ante unha posible saída do euro; cando os economistas máis respectuosos advirten da inviabilidade dun eventual Estado; ou cando as empresas se formulan trasladar a súa sede a outro lugar, están constando a ameaza que para o pobo de Cataluña representa un camiño baseado en prexuízos.

Feijóo asegurou non recoñecer á España que debuxan algúns para xustificar as súas opcións. “É como se necesitaran presentar un país macabro, escuro e intolerante para obter un salvoconduto ideolóxico”, dixo, ao que engadiu que España non é así, “porque entre todos transformámola, modernizámola e adecuámola a súa pluralidade”. “España non é así grazas en gran medida á forza do pobo catalán, auténtica vangarda dos cambios que se produciron”, profundou.

Se ben é verdade que a lei sen política esta falta de alento vital, de impulso humano e de emocións, Feijóo lembrou que unha política sen lei está abocada á arbitrariedade e ao mero populismo e concluíu aseverando que na encrucillada actual “necesitamos de ambas as dúas, para pasar a páxina de onte e avanzar nas solucións de mañá”.