Friday 22 de November de 2024

O concello de Riveira investirá máis de 151.000 euros na instalación dunha rede de saneamento no lugar de Bretal en Olveira


Hoxe abríronse os sobres B e C no proceso de adxudicación

O Concello de Riveira informa da próxima realización dunha actuación dirixida á instalación da rede de saneamento e reposición de pavimentos no lugar de Bretal, situado na parroquia de Olveira.

Esta obra supón un investimento de 151.310,34 euros, IVE incluído, e está adscrita ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2016. Actualmente atópase en pleno proceso de adxudicación de tal xeito que hoxe luns a mesa de contratación procedeu á apertura dos sobres B e C (primeira volta). Hai 17 empresas ofertantes.

Na actualidade a zona de actuación carece de rede de saneamento, existindo unicamente unha liña de pluviais para canalizar as augas superficiais.

Conforme ao proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais, vanse instalar en primeiro lugar 534 metros de tubaxe SN4 de 315 milímetros de diámetro; 310 de tubaxe SN4 de 250 milímetros; e 180 de tubaxe SN8 de 350 milímetros.

1.289 metros en tubaxes
A través dos colectores indicados conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se instalará un bombeo no que se colocarán dúas bombas mergulladas fixas de caudal unitario 25,70 m3/h. De aquí as augas se impulsarán a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade de 265 metros de lonxitude e 90 milímetros de diámetro ata a súa conexión coa rede xeral, o que suma o total de tubaxes a 1.289 metros lineais.

Os pozos de rexistro colocaranse cada 40 metros aproximadamente e os pavimentos afectados pola actuación se reporán cos mesmos materiais que os existentes na actualidade.