Máis de 2.000 persoas déronse cita esta tarde no concurso brionés, que pon o punto e final ás celebracións do Entroido na comarca
Os nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos (Brión) e as súas representacións dos Entroidos máis coñecidos de Galicia acapararon os tres primeiros premios do Concurso de Disfraces de Brión que, como é tradición, é o encargado de poñer o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelá. Unha festa que reuníu no polideportivo de Pedrouzos a máis de 2.000 persoas, das que máis de 450 participaron no concurso de disfraces.
A choiva impediu a celebración do desfile de Entroido polas rúas de Pedrouzos, polo que a festa trasladouse dende un primeiro momento ao Pavillón Polideportivo Municipal, onde os participantes estiveron acompañados pola música da charanga Os Celtas e da orquestra Ritmo Joven, que amenizará coa súa música a tradicional festa de Entroido, que se prolongará ata ben entrado o serán.
O concurso estivo moi competido, sobre todo na modalidade de comparsas na que o xurado decidiu outorgar varios accesit debido á calidade tanto dos disfraces como das coreografías, de xeito que todos os grupos participantes levaron algún premio. Mais os grandes triunfadores da noite foron os nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos, que por primeira vez no que se leva de concurso acapararon os tres premios principais.
O primeiro premio, de 300 euros, foi para “Os cigarróns”, conformado por nenos e nenas de 5º de Primaria. O segundo premio, 250 euros, recaeu nas “Madamas e galáns de Cobres”, dos nenos e nenas de 3º de Primaria. O terceiro premio e os seus 200 euros foron para “Os boteiros”, con nenos e nenas de 6º de Primaria. Deste xeito, dende o colexio brionés achegaron aos presentes algúns dos entroidos máis recoñecidos internacionalmente na nosa terra: os Cigarróns de Verín, as Madamas e galáns de Cobres (Vilaboa) e os Boteiros de Viana do Bolo, todos eles cuns traxes perfectamente recreados polo alumnado brionés.