Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de galicia brinda o seu apoio aos futuros profesionais do ámbito do tempo libre


A formación dos 12 mozos e mozas inscritos está orientada ao emprego e contribuirá á mellora da súa cualificación

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela brindou o seu apoio e o da Xunta de Galicia ao sector do tempo libre e da educación non formal, no marco dunha visita ao curso de monitor de tempo libre impartido por Tempus Narón á que tamén asistiu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

O conselleiro comprobou in situ as actividades que están a desenvolver os participantes que nesta ocasión estaban a realizar actividades de orientación e de montaxe de tendas de campaña. “A formación que están a realizar estes 12 mozos e mozas está orientada ao emprego e contribuirá de forma substancial á súa cualificación, de xeito que se incremente a súa competencia profesional e a súa empregabilidade”, explicou o conselleiro.

A Rede de escolas de tempo libre de Galicia está formada por centros de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades orientadas á axeitada utilización do ocio e do tempo libre. Estas escolas constitúen un referente histórico na formación dos profesionais do tempo libre, formando durante anos a educadores desde a perspectiva da creatividade, da diversidade e do respecto. “Na Xunta de Galicia somos conscientes da importancia de contar con profesionais de primeiro nivel neste ámbito, por elo, apostamos por este tipo de educación non formal”.

A Xunta de Galicia expide as titulacións oficiais de directores e monitores de tempo libre e de campos de traballo, acreditando o labor das 74 escolas de tempo libre que hoxe en día figuran no Rexistro de escolas de tempo libre da Consellería de Política Social. Deste xeito, os alumnos destas escolas poden asistir a cursos de primeiro nivel, cuxa titulación se corresponde coa de monitores ou monitoras de actividades de tempo, e a cursos de segundo nivel, para obter o título de director ou directora de actividades de tempo libre ou de campos de traballo.

Cómpre destacar que nos últimos 4 anos, un total de 6.972 mozos e mozas conseguiron o título oficial de director ou monitor de actividades de tempo libre expedido pola Xunta de Galicia.