Friday 22 de November de 2024

Pleno intenso en San Sadurniño e con abondoso debate centrado nas mocións


Sesión densa e intensa a do pleno ordinario en San Sadurniño, que estivo capitalizado polo debate de catro mocións presentadas tanto polo BNG como polo PP e pola quenda de preguntas do público, nalgún caso máis ben reflexións sobre a actualidade dos partidos políticos do país. Foi máis de hora e media na que, entre outras cuestións, se deu conta da renuncia da edila popular Silvia Fernández Muíño e se aprobou por unanimidade dos tres grupos municipais a declaración institucional co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Das mocións presentadas só saíron adiante as tres do BNG cos votos favorables tanto por este partido como do PSOE, mentres que o PP optou por apoiar en solitario a súa, absterse nas demais e sumarse a ún dos puntos da última moción nacionalista, relativo á petición de melloras na infraestrutura ferroviaria de vía estreita.

Abondaron escasos dous minutos para liquidar os catro primeiros asuntos da orde do día. Unha rapidez que apuntaba a un pleno máis ou menos rápido que, á postre, pasaría amplamente da hora e media, debido en grande medida aos tirapuxas entre nacionalistas e populares ao respecto das mocións.

A primeira que se debateu foi a achegada polo PP reclamando que o Plan Único de Concellos POS+ manteña o nivel de investimento dos programas provinciais de anos anteriores e que, ademais, se sumen á partida do programa os remanentes que se produzan neste 2017. Unha proposta que bateu co rexeitamento do BNG por entender que é inviable tecnicamente e por considerar que, no caso de San Sadurniño, o novo plan da Deputación garantiza alomenos os mesmos ingresos que en anos anteriores ou incluso máis. O portavoz socialista cualificouno como un plan innovador e anunciou a intención do seu partido de propor o mesmo modelo para a distribución de fondos por parte da Xunta. Pola súa parte o alcalde destacou que o POS+ era unha “demanda histórica” do municipalismo. BNG e PSdeG-PSOE tumbaron a moción popular.

A seguinte moción -defendida polo BNG- insta a Augas de Galicia para que se repartan de forma obxectiva os fondos destinados aos municipios para executar obras de saneamento e solicita que este organismo leve adiante o saneamento na zona de Piñeiros. Un investimento ao que a Consellería de Medio Ambiente se tería comprometido en 2008 e cuxo proxecto está en mans do organismo autónomo desde 2012. O BNG criticou o retraso e o feito de que a Xunta si estaría financiando obras similares noutros concellos seguindo criterios que, para os nacionalistas, non serían obxectivos.

O PSOE manifestouse na mesma liña aducindo que se trataría dunha obra encamiñada a mellorar as condicións de vida no rural que, ademais, tamén beneficiaría a Narón. O PP anunciou que votaría a favor se se modificaba o punto primeiro -o do sistema de reparto de fondos-, sinalando que a Xunta e a Fegamp xa terían suscrito un acordo para definir criterios de distribución desas obras. Unha proposta que o BNG rexeitou aducindo que ese acordo entre a administración galega e a federación municipal non garantiría un cambio de modelo na elección dos investimentos. Neste sentido o BNG citou que no último trimestre de 2016 Augas de Galicia suscribiu convenios con 65 municipios dos que 55 estarían gobernados polo PP e deu cifras concretas sobre os importes dalgún deses convenios, como por exemplo o asinado co Concello de Trazo por valor de 415.000 euros ou co de Riós, en Ourense, por importe de 340.000.

O sétimo punto da orde do día tamén recollía unha moción do BNG con tres medidas dirixidas a paliar no municipio os efectos do proceso de regularización catastral que vai levar adiante o Ministerio de Hacienda durante este ano en San Sadurniño. A primeira medida proposta polos nacionalistas é que o Concello preste de xeito gratuíto un servizo de asesoramento catastral do que poderán botar man aqueles veciños e veciñas que reciban notificacións da Dirección Xeral do Catastro. Ademais, a moción tamén recolle a intención de modificar a ordenanza do IBI para que recolla unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto no caso de bens inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas agrogandeiras, previa declaración do seu interese ou utilidade municipal por parte do pleno por concorrer circunstancias de fomento do emprego. Por último, no texto apúntase a que, unha vez rematado o proceso de regularización emprendido polo Estado e aprobados os novos valores, estudarase a posibilidade de igualar o tipo impositivo dos bens rústicos cos da contribución urbana, co que o gravame baixaría do 0,8 ao 0,6%.

O PP anunciou a súa abstencion repasando antes con todo detalle o xeito en que se configura o Imposto de Bens Inmobles, tanto de natureza rústica como urbana. Acusou ao goberno local de propor medidas que van ter escasa repercusión no territorio e de non facer o suficiente para paliar a situación das familias en tempos de crise. Os populares apuntan á posibilidade de que o Concello rebaixe o gravame urbano por ser o que, segundo o PP, máis vai ao peto da veciñanza. Tamén solicitan que se informe sobre as bonificacións existentes por razóns de tipo social. Desde o BNG lembrouse que o gravame da contribución urbana está no 0,605% desde o ano 2007 e que a rústica se fixou un 0,8 debido a un plan financeiro herdado do PP. O grupo de goberno apuntou tamén que as bonificacións sociais están reflectidas xa na ordenanza municipal do imposto e recordou que o valor catastral e os tipos deben ir acompasados coa ponencia de valores, xa que o valor da terra “non é o mesmo agora que en 1995”. O PSdeG-PSOE apoiou xunto cos nacionalistas a moción.

A última moción -tamén do BNG- serviu para reclamar o mantemento en bo estado da rede e os servizos da antiga FEVE e, ademais, para instar á Xunta a que lle pida ao Estado a transferencia da súa xestión. Os dous puntos da moción votáronse por separado. O primeiro -o da conservación da infraestrutura- saiu adiante por unanimidade mentres que o segundo só contou cos apoios de BNG e PSOE.

Rogos e preguntas
Superado o debate sobre os camiños de ferro, o pleno entrou no apartado dos rogos e das preguntas. O PP presentou como rogo que nas actas da Xunta de Goberno Local se detalle información económica de interese para futuras consultas. Como pregunta, o portavoz popular interesouse por cales son os plans do Concello para aas escolas de Bardaos e Naraío reconvertidas en vivendas. O alcalde explicou que as casas continúan á venda nunha convocatoria aberta pero que, neste sentido, se están estudando opcións xurídicas que permitan o alugueiro con opción a compra.

Por parte do público tamén houbo varias intervencións xa fóra da sesión. Unha delas interesouse por se se estaría cometendo algún delito por non dispor dunha foto do Rei no salón de plenos. A mesma persoa tamén preguntou se o Concello vai recoller pneumáticos usados, aproveitou para reclamar que se rocen mellor os camiños, recordoulle ao goberno local o seu compromiso de arranxar o camiño vello de Quintiá e solicitou sinais de perigo polo paso de gando para ese mesmo lugar de Naraío. A intervención rematou con unha reflexión sobre a política e sobre os partidos, con varias críticas abertas a BNG, PP e PSdeG-PSOE.

Outras quendas de palabra do público foron aproveitadas para preguntar polo xeoparque do Cabo Ortegal -unha figura internacional que non traerá consigo limitacións de ningún tipo para os usos do chan-, polo novo espazo de aparcadoiro no contorno da piscina e, de novo, polo catastrazo. A última pregunta dirixiuse a medias para o alcalde e para o portavoz do PP a raíz dos datos de atención domiciliaria que manexou no pleno do pasado mes de febreiro. Desde o público cuestionouse como era posible que os populares dispuxesen desa información á que, en teoría, só pode acceder persoal autorizado. Secundino García informou que o PP non presentara solicitude algunha para obter eses datos e Manuel Romero afirmou que os obtivera da consellería [de Política social].