Saturday 16 de November de 2024

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña propón a adxudicación de 5 vivendas a outras tantas familias necesitadas


No que vai de ano outras 14 familias en situación de extrema necesidade ou afectadas por desafiuzamentos se beneficiaron da adxudicación de vivendas propiedade do IGVS ou cedidas polas entidades financeiras

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña aprobou a proposta de adxudicación de cinco vivendas a outras tantas familias en situación de extrema necesidade ou afectados por desafiuzamentos, continuando coa aplicación das 12 medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para loitar contra os desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda.Unha vez que as vivendas sexan adxudicadas pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, asinaranse os contratos de alugueiro e entregaranse as chaves aos beneficiarios.

As vivendas cuxa adxudicación propuxo hoxe a Comisión emprázanse nos concello de Rois, Cerceda, Ferrol, Narón e Arteixo.

Nos casos de Rois, Cerceda e Arteixo as vivendas adxudícanse a familias en situación de extrema necesidade e trátase de vivendas cedidas ao IGVS por Abanca, destinadas ao alugueiro social, nos dous primeiros concellos. No caso de Arteixo a vivenda foi cedida pola Sareb.

Polo que se refire ás vivendas de Ferrol e Narón, trátase de casos de desafiuzamento por falta de pagamento das rendas, e as vivendas foron cedidas ao IGVS por Abanca.

Con estas adxudicacións a Xunta de Galicia continúa ofrecendo unha alternativa a todos os afectados que o solicitan e cumpren os requisitos establecidos. No que vai de 2017 xa se realoxaron a outras 14 familias en vivendas propiedade do IGVS (5 casos) ou cedidas por Abanca e Sareb. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola administración autonómica.

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos preto de 1.200 casos en toda Galicia.