Dende esta semana a piscina Iván Raña e o pavillón Castelao I son espazos cardioprotexidos. Tamén se realizaron melloras no do campo de fútbol de Vista Alegre. Realizaranse cursos para o seu uso correcto
A área de Deportes do Concello de Ordes levou a cabo a instalación de novos desfibriladores en varias instalacións deportivas da vila. Dende esta semana tanto o complexo deportivo Iván Raña como o pavillón Castelao I son espazos cardioprotexidos. Unha medida á que lle hai que sumar as importantes melloras e arranxos realizadas no que xa había no campo de fútbol de Vista Alegre. En total hai que falar de 5.000 € de investimento para levar a cabo este medida, coa que se aumenta o nivel de seguridade para deportistas e para o público asistente aos encontros.
Cabe sinalar que se está a falar dos espazos deportivos máis concorridos e importantes do municipio polo que cada ano pasan milleiros de persoas. Ademais da instalación dos dispositivos o Concello ofrecerá cursos de formación a varios integrantes dos clubs e monitores que habitualmente fan uso destas instalacións.