Sigüeiro será a sede principal das actividades, se ben as parroquias de Os Ánxeles, Senra e Trasmonte reuniron grupo para ximnasia
Un total de 154 veciños e veciñas de Oroso, todos eles de máis de 60 anos, participan dende hoxe nas actividades gratuítas para maiores organizadas polo Concello de Oroso para curso 2014/2015. Un curso que foi inaugurado esta mañá polo concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, ante os participantes nas clases de taichí.
Un ano máis, a actividade de ximnasia de mantemento é a que máis veciños e veciñas reúne: un total de 97, o que representa case o 63% dos participantes. Así, haberá dous grupos de veciños en Sigüeiro, de 22 membros cada un, e tres grupos nas parroquias: Trasmonte (21 veciños), Os Ánxeles (12 veciños) e Senra (10 veciños). A seguinte actividade en número de participantes é taichí, con 33 anotados; seguido por música e movemento, con 21 alumnos, e o obradoiro de memoria, con 13. O centro cultural de Sigüeiro concentrará case o 80% dos participantes (123).
O concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, aproveitou o inicio das clases de taichí para dar a benvida aos alumnos e alumnas e felicitalos “por ter decidido participar nunhas actividades que organizamos co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, ben exercitando o corpo como no taichí ou na ximnasia, ben exercitando a mente como nos obradoiros de memoria e de música”. Así mesmo, Leira Piñeiro aproveitou para pedir escusas aos maiores polo atraso no inicio do curso, polo alongamento do proceso de adxudicación do servizo, e indicoulles que indicoulles que “este atraso non significará que que vaiades quedar sen un mes de actividades, senón que en vez de rematar en maio este ano remataremos en xuño”.