A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fixo entrega esta mañá dos primeiros diplomas de Embaixadores de Humidais aos alumnos de 4º de Primaria do Colexio Ría do Burgo, no Día Mundial da Natureza
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, invitou aos primeiros Embaixadores de Humidais a integrarse na cadea entre xeracións para traballar a prol do coidado e a preservación do medio ambiente.
Así o trasladou ao grupo de alumnos de 4º de Primaria do CEIP Ría do Burgo, de Culleredo, que esta mañá participaron nunha xornada lúdico-didáctica na Aula da Natureza Juan Lembeye, con motivo do Día Mundial da Natureza, que nesta edición leva por lema O futuro da vida silvestre.
Tal e como explicou a conselleira, a solicitude de compromiso aos rapaces radica en que nas súas mans está o futuro do planeta, polo que animounos a contribuír a facer un mundo mellor, máis verde, sustentable e ecolóxico.
A responsable de Medio Ambiente destacou que por primeira vez se entrega un galardón como o de Embaixadores de Humidais, que simboliza a esperanza que os maiores depositan nos máis novos, porque o coidado do medio ambiente é como unha cadea entre xeracións e recordou que coas súas accións “por pequenas que poidan parecer” poden salvar o patrimonio natural.
Nese sentido, sinaloulle que en Culleredo existe un humidal senlleiro que alberga máis de 3.000 exemplares de aves acuáticas en inverno; a Ría do Burgo é o fogar de 45 especies diferentes de aves acuáticas e doutras 29 especies menos comúns; algunhas delas veñen de lugares tan afastados como Escocia, Escandinavia, Canadá, Groenlandia e mesmo Siberia, que está a máis de 5.500 quilómetros de aquí.
Beatriz Mato explicoulles que a importancia dos humidais radica no feito de que almacenan e purifican auga, fan de control en épocas de inundacións e protexen fronte a tormentas na costa, permiten a existencia de diversidade biolóxica, reteñen nutrientes, que serven de alimento e por iso son zonas de descanso e alimentación para aves migratorias, e tamén mitigan o cambio climático.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lembrou que no ano 1971 expertos de 18 países reuníronse na cidade de Irán, Ramsar, para darlles o valor que os humidais non tiñan. Por último, sinalou que ese obxectivo aínda segue moi vixente hoxe, xa que todos debemos asumir o compromiso de defender e conservar o patrimonio natural que nos rodea.