“Os pementos do piquillo recheos de cachucha” de Pilar Muradás valéronlle o segundo posto dun certa cuxas receitas poderán descargarse da web municipal
Francisco Javier Martínez Martín e a súa “Escuma de grelos con lacón” alzáronse co trunfo na sétima edición do concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”. A finalista foi Pilar Muradás Viéitez, cos seus “Pementos do piquillo recheos de cachucha”.
O concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, foi o encargado de entregarlle o seu premio a Francisco Javier Martínez, consistente nunha cea para dúas persoas no restaurante O Cortés (Sigüeiro). O autor explicou que o seu prato era “un lacón con grelos en versión moderna”, que montou combinando unhas escuma de grelos con lascas de lacón, unhas gotas de aceite de chourizo e caviar de pataca.
Pola súa banda, Pilar Muradás recibiu de mans da concelleira de Turismo, Vanesa Boo, un libro de cociña como finalista do concurso polos seus “Pementos do piquillo con recheo de cachucha”. Finalmente, a concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, entregou un premio especial dun lote de contos infantís para a aula de maiores da Gardería Trastes polas súas “Filloas de Entroido para os máis cativos”. Uns premios que foron recollidos pola súa mestra, Zaira Pulleiro Sánchez, gañadora da edición de 2014 e finalista das edicións de 2015 e 2016.
Deste xeito, Francisco Javier Martínez e Pilar Muradás rompen cunha racha de tres anos nos que José Ramón Pulleiro e Zaira Pulleiro se repartían os premios deste concurso, do mesmo modo que nos tres anos anteriores os trunfos se distribuían entre Loly Bello e Mercedes Fernández.