O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro e o alcalde da localidade, José Luis Oujo, comprobaron o investimento de máis de 60.000 euros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe as obras que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda executou no concello de Porto do Son, acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Oujo. Ambos so dou se achegaron á praia da Arnela, onde comprobaron os resultados das actuacións de rexeneración e mellora da seguridade viaria que se levaron a cabo na zona, por un importe de máis de 60.000 euros.
En concreto, a Axencia Galega de Infraestruturas rematou 114 metros de senda de formigón coloreado, que permite comunicar a senda executada recentemente no acceso á praia coa beirarrúa existente. Deste xeito, habilítase un itinerario peonil paralelo á estrada autonómica, que servirá de alternativa ao existente no tramo Arnela-Vilar, no que actualmente o paseo discorre afastado da costa. A actuación evita aos peóns o cruce da estrada autonómica AC-550 nun punto de reducida visibilidade.
Esta actuación están enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, do que se está a executar a primeira fase xa en sete comarcas. Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade para as persoas, ao velar pola súa protección e fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, diminuíndo conxestión de vehículos; e para o medio, reducindo a contaminación. Desde a Xunta estase a impulsar a construción de 95 novas sendas, máis de 120 novos quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas en once comarcas galegas, que suporán un investimento global de preto de 37 millóns de euros.
Ovidio Rodeiro destacou a importancia “das pequenas intervencións que melloran a calidade de vida dos veciños”, e celebrou que cara a este verán, e grazas ao esforzo da Xunta e do Concello, “os veciños da Barbanza podan aproveitar un espazo moito máis accesible e seguro”. O delegado territorial apostou pola continuidade deste tipo de programas “que solucionan problemas menores, pero que axudan a incrementar a calidade de vida dos veciños”.