Trátase dunha subvención da Consellería de Economía e Industria co fin de colaborar cos concellos na mellora competitiva do comercio de proximidade
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou a praza de abastos de Porto do Son para supervisar o avance dos traballos de mellora das instalacións, que o Goberno galego está a cofinanciar co concello cunha achega de 45.026 euros, é dicir, o 75% do total, que ascende a 60.035 euros.
Segundo indicou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Luís Oujo, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, subvenciona esta actuación, que consistirá na reforma das fachadas do edificio que ata o de agora se atopaban en moi mal estado de conservación. Deste xeito continúase a traballar na mellora da imaxe do mercado, co fin de convertelo nun servizo moderno e funcional e prepárase o inmoble para a futura adecuación do primeiro andar. Estes traballos quedarán rematados a finais deste mes.
O programa impulsado polo departamento autonómico enmárcase dentro da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Xunta como unha das claves para a reactivación da economía das vilas galegas e reforza a colaboración do Executivo autonómico cos concellos nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade ao comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.
Nas comarcas do Barbanza e de Noia recibirán estas achegas catro concellos A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Boiro e Noia, que en total contarán con axudas por importe de case 219.000 euros.
A liña destinada por Economía e Industria para a modernización dos mercados municipais contempla axudas de ata un máximo de 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, avanzando así no obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade. Na provincia, as subvencións concedidas suporán un investimento de máis de 827.000 euros en 15 municipios.
O departamento autonómico leva destinado no que levamos de ano 10 millóns de euros a diferentes programas de apoio dentro da estratexia específica de impulso á competitividade do comercio de proximidade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento e a apertura de novos establecementos comerciais, a innovación ou a potenciación das prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.