Friday 22 de November de 2024

O goberno local de San Sadurniño leva ao pleno deste sábado a proposta de estudar a rebaixa do IBI rústico e a bonificación a contribución nun 95% para explotacións agropecuarias


Este sábado toca pleno ordinario en San Sadurniño. Será unha sesión con 9 puntos entre os que destacan catro mocións presentadas polo BNG e polo PP que seguramente copen boa parte do debate. A achegada polo grupo popular reclama que o Plan Único de Concellos POS+ garanta os ingresos que San Sadurniño viña percibindo a través dos anteriores programas agora agrupados no plan provincial. As tres dos nacionalistas céntranse en reclamarlle a Augas de Galicia a execución do saneamento na zona de Piñeiros, na demanda de melloras na rede ferroviaria de vía estreita e, quizais a de maior relevancia informativa, a intención do grupo municipal do BNG de sacar adiante tres medidas que axuden a paliar os efectos do “catastrazo”. Máis en detalle esas medidas avogan pola posta en marcha dun servizo de asesoramento gratuíto para persoas afectadas pola regularización catastral que acometerá o Estado durante este ano, a bonificación do 95% da cota íntegra do IBI dos bens onde se desenvolvan actividades agrogandeiras declaradas de especial interese e, por último, ver a posibilidade de igualar o tipo impositivo dos bens inmobles rústicos cos do IBI de urbana, que baixaría do 0,85 ao 0,6%.

A sesión comezará ás 11.30h. cos dous puntos de trámite iniciais, consistentes na aprobación da acta da sesión anterior e na ratificación e toma de razón dos acordos e resolucións adoptados desde o último pleno.

O terceiro asunto será a toma de razón da renuncia presentada o pasado 22 de febreiro pola concelleira do Partido Popular Silvia Fernández Muíño. A edila natural de Bardaos concorrera como nº 3 da lista popular ás eleccións de 2015 e coa comunicación plenaria da súa renuncia iniciarase o proceso para substituíla no cargo. Seguindo a lista entraría no salón de plenos Cristina Calvo Tuimil, nº 6 da candidatura do PP ás municipais. Un salto numérico que é debido ao relevo de Andrés Fernández en xullo pasado por parte de María Belén Trigo -nº4 da lista- e ao pasamento de Hipólito Yáñez, quen ocupaba o 5º posto das listas populares.

Antes de entrar a debater as mocións, o pleno tamén abordará a votación da declaración institucional co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Os tres grupos están covocados para unha hora antes do comezo da sesión de cara a consensuar o texto que se someterá á aprobación plenaria.

No apartado das mocións presentadas pola vía ordinaria, a primeira que se debaterá será a achegada polo PP reclamando que o Plan Único de Concellos POS+ manteña o nivel de investimento dos programas provinciais de anos anteriores e que, ademais, se sumen á partida do programa os remanentes que se produzan neste 2017.

A primeira moción nacionalista -a do saneamento en Piñeiros- vén instar a Augas de Galicia para que se repartan de forma obxectiva os fondos destinados aos municipios para executar obras de saneamento e solicita unha xuntanza urxente con Narón para retomar o proxecto conxunto de Piñeiros ao que a Consellería de Medio Ambiente se tería comprometido en 2008.

A segunda moción do BNG prosegue coas reivindicacións de mellora na rede ferroviaria. O texto insta á Xunta para que lle solicite a Fomento os investimentos necesarios para a conservación e a renovación desta infraestrutura de transporte, así como a transferencia da xestión da liña de ancho métrico (a antiga FEVE).

A última das mocións do Bloque refírese ao proceso de regularización catastral anunciado a finais de 2016 polo Ministerio de Facenda no que San Sadurniño tamén está incluído. A este respecto os nacionalistas presentan unha moción para que o Concello preste de xeito gratuíto un servizo de asesoramento catastral do que poderán botar man aqueles veciños e veciñas que reciban notificacións da Dirección Xeral do Catastro. Ademais, a moción tamén recolle a intención nacionalista de que o Concello modifique a ordenanza do IBI para que recolla unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto no caso de bens inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas agrogandeiras, previa declaración do seu interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego. Por último, no texto apúntase a que, unha vez rematado o proceso de regularización emprendido polo Estado e aprobados os novos valores, estudarase a posibilidade de igualar o tipo impositivo dos bens rústicos cos da contribución urbana, co que o gravame baixaría do 0,85 ao 0,6%.