Da Rede de Dinamización Lingüística, Deputación e Concello
Neste mes de marzo o público infantil e familiar é o centro de interese de tres salientables accións de dinamización do uso da lingua galega.
A unión de esforzos na normalización lingüística céntrase no Concello de Riveira e cadran este mes, tres sábados de marzo (4,11 e 25), accións para o tempo de lecer propostas pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, pola Deputación da Coruña e tamén polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
As actividades son as seguintes:
“A GALIÑA AZUL” DE UBU TEATRO
Promove a Rede de Dinamización Lingüística.
Data: sábado, 4 de marzo
Hora: 17.30 h
Lugar: Auditorio Municipal
Público: 270 nenos e nenas coas súas familias.
Agasallarase cun libro a todos os nenos e nenas que veñan ver a obra
No ano 2017 conmemórase o Día das Letras Galegas a Carlos Casares. O insigne escritor, editor e activista cultural é o autor da obra teatral infantil coa que a Rede de Dinamización Lingüística, dentro do programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, comeza a conmemoración das Letras Galegas.
Esta nova posta en escena de “A Galiña Azul” de Ubu Teatro coa produción da Editorial Galaxia está dirixida ao público infantil e familiar.
Todos os nenos e nenas que veñan ao Auditorio ver a obra recibirán un exemplar de “A Galiña Azul” como agasallo.
“A MESTRA TOMASA LENDO E VIAXANDO POLO MUNDO”, ESPECTÁCULO INFANTIL DE DUENDE SICO
Promove a Deputación da Coruña
Data: sábado, 11 de marzo
Hora: 12.00 h
Lugar: Biblioteca Municipal
Público: nenos e nenas de 3 a 12 anos cos adultos acompañantes.
Todos os nenos e nenas que participen levarán un recordo da actividade feito coas súas propias mans.
Ás 13.00 h: Obradoiro de construción de marcapáxinas.
A Deputación da Coruña nun esforzo de dinamización do uso da lingua galega e da súa transmisión interxeracional, dentro do seu programa “Coa Lingua de Fóra”, atrae ás familias novas cun espectáculo para nenos e nenas de 3 a 12 anos.
Ao remate do espectáculo realizarase un pequeno obradoiro de manualidades para os nenos e as nenas.
“ESPERIVENTOS DE VALLE-INCLÁN”, CON ELECTRA MENÉNDEZ
Promove Concellería de Educación
Data: sábado, 25 de marzo
Hora: 12.00 h
Lugar: Biblioteca Municipal
Público: nenos e nenas de 3 a 12 anos cos adultos acompañantes.
A obra de Valle-Inclán, autor renovador da linguaxe teatral, está a ser traducida para o galego por primeira vez neste ano 2017. A súa obra “A Cabeza do Dragón” vai ser estreada no mes de marzo, en lingua galega, en Santiago de Compostela. Cadra ademais que o día 27 de marzo conmemórase o Día do Teatro, polo que facer este contacontos infantil baseado na obra “A Cabeza do Dragón” é moi acaída para dar a coñecer a figura de Valle e o quefacer cultural en galego.