Friday 22 de November de 2024

Os Servizos Sociais de Riveira promoven un obradoiro de integración dirixido á poboación inmigrante do municipio


O concello conta cun 4,33% de veciños de procedencia foránea, un 3,49% extracomunitaria

O Concello de Riveira informa de que a partir deste xoves, os Servizos Sociais Comunitarios van levar a cabo dende finais desta semana un Obradoiro de Acreditación do Esforzo de Integración dirixido á poboación inmigrante.

Trátase dunha actividade formativa de carácter gratuíto, que inclúe aqueles contidos que están establecidos legalmente para que unha persoa inmigrante poida acreditar o esforzo realizado para a súa integración na sociedade de acollida, e que, unha vez recollidos nun informe de esforzo de integración, dito informe pode ser alegado pola persoa estranxeira en caso de non acreditar o cumprimento dalgún requisito previsto para a renovación dun permiso de residencia temporal, para ser tido en conta como información a valorar pola oficina de estranxeiría correspondente.

Os contidos abranguen materias como os valores constitucionais do estado español, valores estatutarios da comunidade autónoma galega, dereitos humáns, etc.

Corenta horas
O obradoiro ten 40 horas de duración, distribuídas en 10 días. Está previsto que dea comezo o xoves 13 de novembro.

O prazo para a inscrición de participantes ábrese hoxe luns nas oficinas de Servizos Sociais de Riveira (Praza Oito de Marzo, s/n – edificio Mirador de Padín). As persoas solicitantes serán admitidas por orde de inscrición ata esgotar prazas.

Esta actividade formativa está subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo 2007/2013.

Programa de Acollida
O Concello de Riveira ven atendendo de forma especializada á poboación inmigrante desde o ano 2003, a través de distintos programas e servizos, que evolucionaron cara a creación do actual Programa de Acollida e Integración de Inmigrantes e Retornados, desde o que se leva a cabo un asesoramento especializado en trámites de estranxeiría, se organizan actividades formativas e outras. O Concello de Riveira conta desde o ano 2012 cun Plan Local de Integración da Poboación Inmigrante.

Riveira conta con un 4,33% de poboación inmigrante, constituíndo un 3,49% a poboación inmigrante extracomunitaria, segundo datos do padrón a 31/12/2013.