O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou un hórreo e unha palleira recuperados ao abeiro da orde para particulares, concellos e empresas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou diferentes actuacións realizadas ao abeiro da Orde do 27 de xuño de 2016, pola que se establecen as axudas de investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia. En concreto, o delegado visitou dúas instalacións recuperadas nas Fragas do Eume para comprobar as intervencións da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Ovidio Rodeiro desprazouse aos lugares de Cal da Abeleira e de Dureixa, no concello de Monfero, onde se levaron a cabo a recuperación dunha palleira e dun hórreo. No primeiro dos casos, a Xunta de Galicia investiu 14.520 euros na rehabilitación dunha palleira para restituír a súa capacidade de almacenamento. Así, procedeuse á demolición da parte máis deteriorada para a súa reposición, empregando madeira de castiñeiro similar á orixinal.
En Dureixa, a Xunta concedeu unha axuda a unha explotación gandeira para a recuperación dun hórreo na parroquia de Val de Xestoso. A estrutura, construída en albanelería de pedra, cunha cuberta de lousa a dúas augas sobre entaboado de madeira. Trátase dun hórreo dunha antigüidade estimada de 70 anos e o investimento foi de 10.325 euros. Ovidio Rodeiro lembrou que este plan bianual, destinado a recuperar construcións singulares nos parques naturais e ás súa áreas de influencia, supón un investimento total na provincia da Coruña de máis de 1.124.000 euros entre 2016 e 2017.
En concreto, este plan destina máis de 55.000 euros a empresas e explotacións gandeiras e agrícolas, 434.000 euros repartidos entre 12 concellos reservados a elementos patrimoniais de titularidade municipal, e máis de 635.000 euros reservados a particulares. Os beneficiarios destas axudas trasladaron a Ovidio Rodeiro a súa satisfacción polas oportunidades que supuxo a aplicación das subvencións e reclamáronlle ao Goberno galego continuidade para este tipo de intervencións.
Ovidio Rodeiro destacou a aposta da Xunta polo espazos de singular valor ecolóxico e subliñou “o especial empeño que pon o Goberno galego por apoiar a recuperación e a posta en valor do patrimonio natural de Galicia”.