Saturday 16 de November de 2024

Os alumnos do obradoiro de emprego da Xunta en Vedra e Boqueixón reciben os seus diplomas


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou aos alcaldes Carlos Martínez e Manuel Fernández Munín no acto de clausura do programa formativo
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu esta mañá ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Vedra-Boqueixón 2016, concedido pola Xunta aos concellos de Vedra e Boqueixón. Estivo acompañado polos respectivos alcaldes Carlos Martínez e Manuel Fernández Munín.

Organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos de Vedra e Boqueixón, o obradoiro conxunto formou, durante os últimos seis meses, a 20 alumnos-traballadores, baixo a tutela de cinco profesionais que desenvolveron a súa actividade como director, mestres e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de medio ano, diversos traballos de acondicionamento en zonas dos dous municipios promotores. Con este fin a Xunta achegou máis de 179.000 euros.

O proxecto formativo Vedra-Boqueixón 2016 levou a cabo ata 27 actuacións de acondicionamento e mantemento de outras tantas instalacións de ambos os dous concellos, nas especialidades de carpintería e mobles, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Así, en Vedra acometeuse a rehabilitación da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla, e o mantemento do CEIP Ortigueira, da escoa de música, da casa da cultura, do centro cultural de Santa Baia, da pasarela peonil de Ximonde, do entorno do Museo Paz Camps ou mesmo da Casa Consistorial, entre outras intervencións.

No caso de Boqueixón, levouse a cabo o mantemento e conservación do centro de interpretación dos muíños e área recreativa de Gastrar, do local social de Sergude, dos campos de fútbol de Lestedo e Camporrapado e a súa casa da cultura, do campo da festa de Vigo, da Carballeira de Rodiño, dos campos da feira de Lestedo, Gastrar e Ledesma, das áreas recreativas de Subcira e Gastar, e mesmo da contorna do Pico Sacro, entre outros traballos.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.300.000 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a clausura para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.