Unha vintena de nenos e nenas participa esta semana no Lousame Concilia, o programa de conciliación do Concello de Lousame que por primeiro ano se celebra tamén durante as vacacións escolares de Entroido. Uns pequenos e pequenas que esta mañá participaron nun divertido obradoiro de máscaras de Entroido. Mañá martes asistirán á representación da obra “O baúl musical”, de Teatrando Alecrín. Unha peza dirixida por Adriana Castro que os veciños e veciñas de Lousame poderán desfrutar esta fin de semana no auditorio da Casa da Cultura de Lousame.
Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.