Saturday 16 de November de 2024

A Xunta asigna tres vivendas de aluguer social para solucionar outras tantas situacións urxentes na provincia da Coruña


As adxudicacións corresponden a pisos baleiros procedentes dos convenios do IGVS con Abanca e o Sareb para situacións de especial vulnerabilidade

A sesión da Comisión Provincial de Vivenda de A Coruña do pasado 23 de febreiro, acordou propoñer á presidenta do Instituto Galego de Vivenda e Solo a adxudicación directa de tres vivendas, cedidas para o seu aluguer social por Abanca e o Sareb en virtude do convenio subscrito co IGVS, sitas en Touro, Ribeira e Ferrol.

Unha das vivendas adxudicouse a unha persoa en situación de vulnerabilidade polas dificultades que presenta a súa inserción no mercado laboral e pola súa situación económica precaria. Outra corresponde a unha persoa con un menor a cargo en situación precaria cunha vivenda en mal estado de conservación. A terceira das vivendas corresponde a un caso de execución hipotecaria que ten fixado o seu lanzamento xudicial para finais de marzo por falta de pagamento de rendas.

Nesa mesma sesión do pasado xoves aprobouse a proposta de adxudicación de 17 vivendas de promoción pública, propiedade do IGVS, emprazadas no concello da Coruña, e que se adxudican despois do sorteo entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda. Once delas están emprazadas en Novo Mesoiro, cinco no Barrio das Flores e unha en Elviña. En todos estes casos casos trátase de segundas ou posteriores adxudicacións, o que significa que as vivendas xa estiveron ocupadas anteriormente por adxudicatarios que renunciaron ás mesmas. Entre as vivendas adxudicadas están as recuperadas polo IGVS en Mesoiro despois da súa ocupación sen título.

Catorce das vivendas adxudicadas corresponden a réxime de compravenda e tres a réxime de alugueiro. Unha vez se revise a documentación procederase ao sorteo polo que a cada adxudicatario se lle asigna unha vivenda concreta, o que permite elaborar o estudo económico tendo en conta as características da vivenda e as condicións económicas do adxudicatario. Neste estudo económico fíxase o prezo a pagar en cada caso, sexa en compravenda ou alugueiro. En función da composición familiar e as condicións económicas dos adxudicatarios o prezo vese reducido nun 30, 40 ou 50 por cento, tanto en compravenda como en alugueiro.