A Concellaría de Cultura e Ensino de Fene preparou para estas festas do entroido unha programación específica para a rapazada na que lles propón dous obradoiros e un baile de disfraces, ademais da xornada central do Mércores de Cinza na que os nenos e nenas tamén serán protagonistas do desfile de máscaras.
Esta tarde a partir das 17.00h. o CCRD de Perlío acollerá un taller de cociña dirixido á cativería de primaria no que aprenderán a facer todo tipo de sobremesas típicas destas datas. O obradoiro está concibido como unha sesión de aprendizaxe culinaria, pero tamén como unha actividade coeducativa na que os pequenos e pequenas se familiarice co concepto da corresponsabilidade no fogar.
Nesta iniciativa participarán 26 nenos e nenas, cubrindo case completamente o cupo ofertado polo Concello. O obradoiro desenvolverase en dúas quendas, unha até as 18.00h. e outra de 18.30 a 19.30h.
Para mañá, Martes de Entroido, hai máis. E é que o centro cultural de Perlío tamén acollerá entre as 11.30 e as 13.30h. unha clase práctica de elaboración de disfraces cos que poder lucirse no desfile do mércores.
As propostas para a cativería non rematan con este obradoiro, senón que tamén terán unha festa infantil pola tarde -17.30h.- na Praza do Concello. A festa infantil de máscaras estará animada por La Guagua e, ademais de xogar e bailar, tamén poderán merendar a base de lambetadas de entroido.
Mércores de Cinza
O día grande do entroido en Fene celébrase o Mércores de Cinza co tradicional desfile de máscaras, a actuación das comparsas e a queima do boneco.
A saída do desfile está prevista para as 18.00h. de diante do establecemento Aguilar, en Perlío, desde onde irá subindo por Marqués de Figueroa, logo pasará polo cruzamento de Fene, e Avenida Naturais e rematará na carpa instalada na Praza do Concello.
Nese lugar, ao pé do consistorio, actuarán as comparsas coas súas coplas retranqueiras, lerase o testamento do Entroido -que este ano tamén virá acompañado de dúas viúvas do CMI Unidade de Fene-, daráselle lume ao boneco e, para rematar, música co Grupo Pasión.
Nesta edición do entroido participarán 14 comparsas, unha na categoría infantil formada por alumnado do CEIP de Centieiras, dúas adultas de Fene -Os Scratchados e De paso a paso-, outras oito tamén de persoas adultas chegadas de Narón, Neda e Ferrol e, por último, tres comparsas dos centros Xeriatros de Narón, Laraxe e Ferrol. Para incentivar a participación de grandes grupos, o Concello destinou este ano unha partida de 6.500 euros para distribuír como subvención entre as comparsas formalmente inscritas e que así o solicitasen.
Na organización do entroido fenés colaboran a Asociación Cultural Os Tadetas e as panaderías do municipio.