O Concello de Ordes vén de anunciar a apertura da ponte do Melante, situada sobre o Rego Buxán, na parroquia de Vilamaior. Tras as obras de arranxo e mellora iniciadas no pasado mes de novembro o tramo volveuse restablecer para o tránsito de vehículos.
En total hai que falar dun investimento de 80.561 € cos que se construíu unha nova ponte con formigón armado mediante cimbra cun ancho de 8 metros. O proxecto incluíu o movemento de terras para a debida execución do cimentado do pórtico cunhas novas dimensións de 5×2,7 metros. Tamén se colocou un muro de acompañamento realizado en pedra de granito, ademais de varandas e barreiras de seguridade. O reafirmado do camiño do contorno realizouse con grava, grixo e aglomerado quente, e levaranse a cabo tarefas de reforestación con especies autóctonas. Con todo isto queda corrixido o deficiente estado que presentaba a drenaxe transversal e evítanse os continuos asolagamentos sobre a estrada municipal, traducíndose nunha mellora na comunicación con outras áreas, así como na seguridade.
A apertura desta vía realízase tras a aplicación dun tratamento superficial de triplo rego asfáltico, estando pendente a extensión dunha nova capa de rodaxe. Hai que sinalar a importancia de manter durante as vindeiras semanas a precaución ante as sinalizacións de grava solta, chanzo lateral e limitación de velocidade a 40 km.
Este proxecto está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDER), a través da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.