Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Trazo apoia a proposta de obras realizada polo alcalde no Plan Único e lamenta a achega excesiva a financiar gasto corrente


Beatriz Domínguez considera que “as arcas municipais non deben de estar tan saneadas como di o alcalde porque do contrario non desviaría tantos cartos a gasto corrente nin se endebedaría”

O PSOE de Trazo apoiou esta mañá a proposta presentada pola Alcaldía para o Plan Único da Deputación da Coruña, que ascende a 678.511,76 euros, e para o Plan Complementario do ano 2017, que destina 125.702,36 euros á substitución da cuberta do polideportivo municipal e á ampliación da ponte de Santa Eufemia. A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, sinala que “en canto a pistas e rebacheos, coincidimos nas mesmas necesidades detectadas polo grupo de Goberno e é de agradecer que se inclúan obras que propuxemos dende a agrupación socialista de Trazo, pois consideramos que ter unhas boas vías de comunicación é algo que beneficia aos nosos veciños”.

Sen embargo, os socialistas lamentan que queden fóra destas axudas actuacións que poderían mellorar a calidade de vida das persoas de Trazo, como investimentos en saneamento ou a reparación e mantemento dos locais municipais. E é que dos 678.511,78 euros solicitados á Deputación, un total de 216.104,56 euros estarán destinados a gasto corrente. “Máis dun 30% dos cartos solicitados estarán destinados a soldos e a gastos de mantemento, cando estes gastos deberían ser cubertos na súa maioría polo propio Concello”, explica Beatriz Domínguez, quen entende que “as arcas municipais non deben de estar tan saneadas como di o alcalde porque, do contrario, non desviaría tantos cartos a gasto corrente nin se endebedaría”.

De feito, Trazo vai solicitar un préstamo de 197.135,17 euros á Deputación da Coruña, “polo que a partir de agora o señor alcalde non poderá dicir máis iso de que o Concello non está endebedado”, apunta a voceira municipal socialista, quen engade que “aínda que o préstamo é sen intereses e sen necesidade de comezar a pagalo ata o 2019, o certo é que tal e como goberna o señor Dafonte podemos ter por seguro que o Concello de Trazo vai ter a auga polo pescozo nun par de anos”.