Saturday 16 de November de 2024

O PSOE de Ordes apoia a proposta de POS 2017 “que inclúe un maior número das nosas peticións”


O Pleno aproba unha moción socialista para que o Concello volva a facer as analíticas nas fontes públicas do municipio, informando na web e na propia fonte sobre se a auga é apta ou non para o seu consumo

Os socialistas de Ordes celebran a aprobación da proposta alternativa ao Plan Único consensuado canda UXO e os dous edís non adscritos e que destina máis de 953.000 euros a obras en beneficio dos veciños e veciñas do municipio. “Apoiamos a proposta que incluía un maior número das nosas peticións, sobre todo o bombeo e abastecemento na Maquía e a nosa proposta de mellorar un vial en Vilamaior para evitar a perigosa saída actual á estrada AC-524”, explica a voceira municipal, Verónica Gómez.

A voceira municipal socialista valora tamén “a renovación das marquesiñas nas parroquias, pois hai varios exemplos de instalacións que están tan deterioradas que non cumpren a súa función de resgardar aos nosos nenos e nenas”. Así mesmo, destaca o engadido ao proxecto inicial de arranxos dunha serie de camiños como o acceso a Lameiros, o camiño de Uzás a Cernadas e o camiño das Pombas (na parroquia de Buscás), o camiño do campo da Malla (Ardemil), o camiño de Souto á Igrexa (Mercurín) ou a canalización de pluvais no Castrelo tras do Barreiro (Leira).

Unhas melloras en camiños que substitúen ao proxecto de urbanización da rúa García Gerpe, que foi desestimada logo da presentación dun informe técnico na súa contra na sesión plenaria do 14 de febreiro. Verónica Gómez insiste en que “por moito que se nos queira acusar de querer facer unha obra ilegal, os feitos demostran o contrario xa que o primeiro e único informe técnico que pon en dúbida a idoneidade de facer esa obra con cargo a un plan provincial o presentou o señor alcalde na sesión plenaria extraordinaria do pasado 14 de febreiro”.

A voceira municipal socialista lamenta que o alcalde “estea a atrasar o normal funcionamento do Concello de Ordes para intentar distraer a atención da realidade, que non é outra ca súa minoría e falta de capacidade de negociación con outras forzas políticas. Demostrouno cos orzamentos e volve facelo agora na aprobación deste Plan Único”. Ademais, Verónica Gómez critica que “se o alcalde ten un informe que desaconsella a inclusión dunha obra no POS 2017, o que ten que facer é desconvocar a sesión e convocar unha nova Comisión para arranxar o problema, tal e como se fixo agora. Pero o señor Martínez Sanjurjo preferiu optar por teatralizar o rexeitamento ao seu plan de obras nun pleno extraordinario que lles custou cartos innecesariamente aos veciños e veciñas de Ordes”.

Fontes

Por outra banda, os socialistas de Ordes amosan a súa satisfacción polo apoio unánime do pleno municipal á súa proposta de que o Concello de Ordes recupere a realización de análises de augas das fontes do municipio empregadas habitualmente polos veciños e veciñas para coñecer se a auga é apta ou non para o consumo humano. Así mesmo, o Concello estará obrigado a publicar os resultados das análises de cada fonte na web municipal e a colocar un letreiro na fonte onde se especifique se a auga é ou non potable, tal e como facían os socialistas dende a Concellería de Medio Ambiente na lexislatura 2007-2011.

Así mesmo, a concelleira socialista celebra que o Concello tivera a ben cumprir co rogo presentado o pasado mes de outubro e proceda en breve ao pintado do paso de peóns no cruce entre as rúas Ciudad Jardín e Lagartos, a que “é un camiño usado a diario por numerosos veciños e veciñas para dirixírense tanto ao colexio coma ao instituto”.

Finalmente, os socialistas apoiaron as dúas mocións presentadas polo BNG sobre o sector téxtil, xa que “os socialistas temos xa presentadas tanto a nivel local como no Parlamento de Galicia diversas iniciativas que perseguían o apoio da Xunta ao sector téxtil ordense”, e sobre a conservación dos murais realizados nas distintas edicións de DesOrdes Creativas, “pois son unha riqueza cultural e artística moi importante para Ordes e é unha forma de evitar o feísmo”.