O Concello achegará ao plan 81.000 € de fondos propios para a reurbanización de 3 rúas, arranxos de pistas nas parroquias e a construción dun paso cuberto no colexio
Unanimidade no pleno municipal de Oroso á hora de aprobar a proposta da Alcaldía para o Plan Único da Deputación da Coruña, que ascende a 743.404,14 euros máis os 154.512,23 euros correspondentes ao Plan Complementario. Unhas cifras ás que o Concello de Oroso achegará outros 81.000 euros procedentes de fondos propios, de xeito que a partida destinada a obras suma un total de 941.064,02 euros. De feito, o Concello de Oroso só reservará para redución da débeda os 48.597 euros esixidos nas bases do programa provincial.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, salientou que “un ano máis, e como vén sendo habitual no Concello de Oroso nos últimos anos, destinamos integramente os plans provinciais a investimentos en beneficio dos nosos veciños e veciñas, sen ningunha reserva económica para gasto corrente”. Así mesmo, presentou os seis proxectos de obras escollidos, que foron aplaudidos por todos os grupos da oposición, especialmente a construción do paso cuberto no colexio de infantil de Sigüeiro, unha obra que o Concello leva anos reclamando da Xunta de Galicia e que, tras numerosas negativas, finalmente se decidiu incluír neste Plan Único.
A achega máis importante, cuantitativamente falando, destinarase á mellora da rede viaria municipal. O Concello de Oroso investirá 328.659,25 euros a un proxecto de mellora da rede viaria nos lugares de Piñeiro e a Costa – Zan (Trasmonte), Valverde-Berdomás (Vilarromarís), Piñeirón-Porto Avieira, Piñeirón-A Falmega, Rúa Celso Emilio Ferreiro e A Igrexa-Porto Avieira (A Gándara) e Mixoi-Castiñeiro Redondo (Calvente). Así mesmo, o Concello de Oroso destinará os 164.512,23 euros do Plan Complementario da Deputación á mellora da rede viaria nos lugares de Oroso de Abaixo (A Gándara) e A Igrexa (Deixebre).
A segunda achega máis importante é a destinada á reurbanización de rúas na capital municipal. Así, o Concello de Oroso investirá 169.481,07 euros na reurbanización da rúa Tras da Torre (Sigüeiro), onde se substituirá a rede de sumidoiros existente por unha nova rede de recollida de augas pluviais e residuais, así como a canalización soterrada das instalacións de alumeado público e telefonía e a renovación da pavimentación.
A segunda rúa que será urbanizada será a rúa Camiño do Refuxio (Sigüeiro), cun investimento de 125.768,04 euros. Neste caso vaise adecentar a calzada desta rúa e, para facilitar o tránsito dos peóns, construiranse unhas beirarrúas de aglomerado asfáltico. A maiores executarase unha rede de saneamento de pluviais e outra de alumeado público, así como a canalización soterrada das redes de electricidade e telecomunicacións.
O terceiro proxecto de reurbanización é a execución de beirarrúas na rúa do Barreiro (Sigüeiro), que contará cun orzamento de 70.299,63 euros. Unhas beirarrúas de aproximadamente 105 metros, na marxe dereita, e 50 metros, na marxe esquerda. Ademais, o proxecto inclúe a ampliación da zona de rodadura da calzada e o seu adecentamento.
Finalmente, o Concello de Oroso investirá 82.343,8 euros na construción dun paso cuberto no colexio infantil de Sigüeiro. Unha cubrición mediante lousa de formigón armado de 265,89 m2 de superficie, piares metálicos e base de cimentación de formigón armado. Unhas obras que contan cun prazo de execución de tres meses.
Debate
Os tres voceiros da oposición coincidiron en salientar a necesidade de todas as obras escollidas polo grupo de Goberno. O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez, indicou que “as obras son necesarias, están ben plantexadas e recollen reivindicacións como o paso cuberto no colexio infantil de Sigüeiro”. Un punto que compartiu o voceiro do PP, Alexánder Doval, quen agradeceu “a entrega de toda a documentación vía dixital para estudar os proxectos” e aplaudiu que “se destinen tamén 48.000 euros á redución da débeda”.
Ambos voceiros coincidiron en pedir que para o ano que vén se faga unha consulta previa aos grupos municipais para elaborar a proposta de obras, petición que o alcalde recolleu, se ben indicou que “non é necesario agardar ata o mes antes para presentar propostas, fagan as súas propostas e nos recolleremos as máis necesarias, como fixemos este ano coa petición do señor Pérez”. Neste sentido, Manuel Mirás indicoulle ao voceiro do PP que “o que me pide tamén o podería facer o seu partido noutros concellos ou mesmo na Xunta, á hora de facer os orzamentos”.
Pola súa banda, o voceiro municipal de Anova, Siverio Mirás, indicou que “as obras están ben” pero criticou que “os técnicos da Oficina de Urbanismo non teñan tempo para facer os proxectos e haxa que encargalos fóra”. O alcalde orosán indicou que “os técnicos da Oficina de Urbanismo teñen moito traballo, fan moitos proxectos e, os que non poden facer, encárganse fóra”. Un punto que corroborou o voceiro municipal socialista, Antonio Leira, quen lle lembrou a Siverio Mirás que “os concellos estamos baixo un ERE encuberto do Estado, e palabras dun compañeiro de partido seu, e iso fai que a pesar de ser as administracións máis saneadas teñamos problemas á hora de atender os expedientes co persoal que temos”.