Friday 22 de November de 2024

Aprobado o POS+2017 para o concello de Ordes


UxO, PSOE e o grupo de non adscritos consensúan un plan de obras que ascende a 1,6 millóns de euros. As parrouias de Ordes, Poulo, Barbeiros e Lesta as grandes prexudicadas ao non contar con ningún investimento. Unanimidade para demandar un plan de reactivación do sector téxtil
O pleno de Ordes aprobou o POS+2017 dotado con 1,6 millóns de euros, tras a votación errada na pasada sesión (14 de febreiro) debido ao informe técnico desfavorable ante a proposta formulada por UxO. Unha cifra que desagregada reflicte investimentos de 75.000 € para gastos correntes, 200.000 € para a amortización de débeda, 953.700 € destinados a obras e 321.700 € para as intervencións do Plan Complementario.

Unhas obras consensuadas previamente por UxO, PSOE e o grupo de non adscritos, e que supuxeron o rexeitamento da emenda formulada polo PP, así como o voto particular do BNG. A este respecto o alcalde de Ordes criticou a discriminación das parroquias de Poulo, Lesta, Ordes e Barbeiros “que non reciben ningún diñeiro e cuxos veciños e veciñas deberán esperar o seu tempo para que poidan beneficiarse de obras que lles fan moita falta”. En contraposición prosperou a emenda para a mellora da estrada de Fosado a Parada (Santa Cruz de Montaos) e o tramo que une O Mesón do Vento coa Barcula (Ardemil), por un importe total de 284.000 €.

Entre as obras máis destacadas do POS+2017 figuran o acceso ao pavillón do Mesón do Vento; canalizacións de pluviais en varios puntos da parroquia de Leira e no Valiño (Parada); aplicación de aglomerado na zona da Salgueira (Ardemil); arranxo e demarcación de camiños na Agrela, Castenda, Brea-Terroeira-límite do concello, camiño cruce O Seixo-Buscás, A Armada-AC 524; instalación de marquesiñas (50.000 €), acceso aos Lameiros (Buscás); arranxo e demarcación de camiños Uzás-Cernadas, Calviño, As Pombas, campo da malla, O Souto- A Igrexa (Buscás); rede de saneamento na Pedreira e canalizacións de pluviais en Castrelos (Leira) ademais doutras sendas e camiños parcelarios, e do bombeo de saneamento na zona da Maquía.

Na primeira das mocións presentadas polo grupo non adscrito solicítanse unha serie de melloras na aula de pintura, reclamacións ás que o BNG engadiu a instalación de novos radiadores. Na segunda ínstase a que a parroquia de Lesta sexa a única beneficiaria do investimento previsto no PEIM, cuxo importe non está estipulado a día de hoxe. En ambas as mocións o PP votou en contra debido ao informe xurídico emitido pola Secretaría Municipal e no que se cataloga ao Pleno como “órgano administrativo non competente” para decidir sobre as cuestións formuladas. No primeiro caso todos os demais grupos mostráronse favorables, mentres que no segundo tanto o BNG como o PSOE optaron pola abstención.

De maneira unánime e a petición do grupo socialista darase cumprimento ao RD 14/2003 que establece os criterios sanitarios da calidade da auga para o consumo humano, ademais de adquirirse o compromiso de publicar os resultados das análises de cada fonte pública do municipio na páxina web do Concello.

Saída profesional
Por unanimidade aprobouse a proposta do BNG na que se solicita á Xunta de Galicia a elaboración dun plan de reactivación do emprego do sector téxtil, que contribúa a facilitar a inserción laboral tras os despedimentos que se veñen sucedendo na zona. Entre os obxectivos figuran a identificación de perspectivas con saída laboral e dos perfís profesionais para a posta en marcha de programas de formación, o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais e facilitar o contacto entre o ex-cadro de persoal e o empresariado.

Os nacionalistas tamén sacaron adiante a súa proposta para conservar os murais realizados nas distintas edicións do festival DesOrdes Creativas. Solicitan estratexias de promoción e difusión deste patrimonio, así como a creación de itinerarios e a ampliación da información e os datos reflectidos na páxina web e na app municipal. Todos os grupos votaron a favor agás o do goberno, que a pesar de estar de acordo abstívose ao considerar que non se trata dunhas cuestións a debater en sesión plenaria. Aínda así propuxeron realizar unha consulta co colectivo Mutante Creativo, organizador do dito evento, para que valoren e estuden o formulado.