Saturday 16 de November de 2024

Oroso acolle mañá venres os desfiles dos nenos/as dos distintos centros educativos e un concerto dos combos pop-rock da Escola de Música


O Concello informa á veciñanza da prohibición de aparcar na rúa Pablo Iglesias, do desvío dos vehículos da Avenida da Grabanxa e de cortes puntuais en Sigüeiro durante a mañá do venres

O Entroido chegará mañá a Oroso por partida dobre: cos desfiles dos nenos e nas do CEIP Sigüeiro, do CEIP do Camiño Inglés e do CRA de Oroso entre as 10:30 e as 12:45 horas; e co concerto dos combos da Escola de Música de Oroso no centro cultural de Sigüeiro a partir das 20:00 horas. Dúas actividades de participación libre e de balde.

O Concello de Oroso informa de que o pasacalles do alumnado dos distintos centros educativos do municipio provocará pequenas alteracións de tráfico durante a mañá do venres 24 de febreiro. Así, entre as 8:00 e as 13:00 horas estará prohibido aparcar na rúa Pablo Iglesias, onde tamén haberá cortes puntuais de tráfico entre as 10:30 e as 13:00 horas polo paso dos desfiles. Unha prohibición que tamén afecta aos vehículos dos garaxes particulares, que non poderán circular durante ese tempo.

A maiores, o tráfico de vehículos pola avenida da Grabanxa (DP-3801) será desviado durante o paso dos desfiles pola estrada N-550 (sentido San Mauro) e pola rúa Tosca (sentido A Coruña-Santiago). O resto de rúas iranse pechando e abrindo ao tráfico segundo o avance dos pasacalles.

O alumnado do CEIP de Sigüeiro percorrerá a avenida da Grabanxa, rúa do Tambre, rúa Río Lengüelle, rúa da Cultura, rúa Camiño Inglés, rúa Pontevedra e rúa Pablo Iglesias, regresando ao colexio pola rúa Deporte e a avenida de Grabanxa. Un pasacalles que terá lugar entre as 10.30 e as 11:00 horas.

Pola súa banda, o alumnado do Camiño Inglés fará o pasacalles pola avenida Álvaro Cunqueiro, rúa Camiño Inglés e rúa Pablo Iglesias, regresando ao colexio polo parque do Carboeiro. O desfile está programado entre as 12:15 e as 12:45 horas. Finalmente, o alumnado do CRA de Oroso protagonizará un festival no centro cultural de Sigüeiro.

Concerto de música

Pola tarde, a partir das 20:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá un concerto dos combos pop-rock da Escola de Música de Oroso. A entrada é libre e de balde. Os rapaces, de todas as idades, interpretarán un repertorio variado que inclúe tanto música española como estranxeira. Este concerto servirá tamén para o debut dun combo de rapaces de tan só 9 anos, que actuarán por primeira vez sos en directo e sen profesores que os acompañen.