Este mércores pechou o prazo de inscrición na edición do entroido do mercado local. O Concello recibiu un total de 58 solicitudes das que 17 están relacionadas coa produción alimentaria e o sector primario mentres que o resto se reparten entre postos de artesanía e venda de artigos de segunda man. O mercado comezará pouco despois das 9 da mañá e contará coa animación da asociación O Aturuxo de Melpómene, que lle dará á cita un toque festeiro e humorístico a partir do mediodía. No evento seguramente sexan as patacas as protagonistas da maioría de parladoiros que adoitan formarse nos sendeiros. ¿Plantamos ou non plantamos? ¿Haberá que arrancar ou non haberá que arrancar a semente? ¿Quen vai pagar a perda?… preguntas que, de momento, non teñen resposta oficial. Por iso o Concello organizou para o venres 3 de marzo ás 21.00h. unha charla informativa na Casa da Cultura impartida por persoal técnico da Xunta. Nela informarase das medidas que se van tomar contra a praga da avelaíña guatemalteca da pataca.
Esta charla encádrase no programa municipal de apoio ao desenvolvemento rural a través do que tamén se organizou onte mércores unha sesión informativa ao respecto da normativa autonómica que regula a venda directa de produtos primarios en feiras e mercados.
No encontro, celebrado na Casa da Xuventude, abordouse o contido do Decreto 125/2014 da Xunta de Galicia e, nomeadamente, que documentación debemos ter, en que rexistros debemos constar e outras cuestións relativas á trazabilidade e calidade dos alimentos que se queiran comercializar en mercados como, por exemplo, o deste domingo.
A área de Desenvolvemento local aproveitou a charla para achegar copias da folla voandeira que se está a repartir por todo o municipio informando da convocatoria do venres 3 na Casa da Cultura para falar exclusivamente da praga das patacas e das medidas adoptadas pola Xunta e o Estado co obxectivo de deter o seu avance.
Mercado local
Volvendo ao asunto do mercado -no que case con total seguridade un dos temas estrela de parola serán as avelaíñas-, cómpre reseñar que hoxe se publicou o listado definitivo de postos admitidos, que nesta ocasión chegan a 58 cunha distribución moi semellante á de anteriores edicións.
O domingo xuntaranse nos xardíns municipais 3 viveiros de planta, 14 postos relacionados coa comercialización alimentaria -froitos da terra, pan, embutidos, etc.-, 13 de artesanía, 8 que xuntan artesanía e artigos de segunda man e 20 que venden exclusivamente oportunidades.
Se vén bo tempo -Meteogalicia non dá sol, pero tampouco auga- o mercado promete ser animado, unha por caer en Domingo de Entroido e outra porque haberá quen nos axude a lembrarnos do día. E é que o Concello chamou pola asociación O Aturuxo de Melpómene para que se encargue de levar a festa polos sendeiros do mercado. A entidade abrangue múltiples facetas, como o teatro, a música e outros apartados da creación artística concibidos en todos os casos desde a óptica do humor. Para o mercado prepararon algo específico que, segundo parece, terá moita relación co ambiente dunha feira de toda a vida e coa produción agropecuaria. E ata aí podemos contar. Quen queira sabelo poderá descubrilo a partir das 12.00h.