Atende cuestións relacionadas co consumo de substancias, nutrición, habilidades sociais etc e nel participan 1.340 estudantes da comarca. Compleméntanse con outras actuacións dirixidas a diversos sectores poboacionais
O Servizo de Prevención en Drogodependencias presentou no pleno da Mancomunidade de Ordes o seu programa anual. Un amplo proxecto dirixido a distintos sectores da poboación e que contou co visto a prace dos alcaldes e edís da comarca.
Unha intervención socioeducativa que se desenvolve de maneira especial dentro das aulas de máis dunha ducia de institutos de secundaria e centros de primaria da zona. A premisa coa que se traballa é a de “educar para previr riscos mediante a interiorización de valores e condutas positivas” segundo se explica dende o mesmo departamento. As cifras indican ata o día de hoxe máis de 240 intervencións, cunha asistencia aproximada de 1340 estudantes.
No cadro dos obradoiros de prevención de drogas participan alumnos e alumnas de 1º a 4º da ESO e nel expóñense todos os riscos físicos, psíquicos e sociais. No caso do programa de ‘Habilidades Sociais’ trabállase coa intelixencia emocional, a comunicación, a empatía ou a escoita activa entre o alumnado de 5º e 6º de primaria. No caso dos de 3º da ESO ‘Ponte na súa pel’ mellora a comprensión dos demais incidindo na capacidade empática ante as diferenzas que definen ás persoas, mentres que en ‘A cabalo das emocións’ rapaces e rapazas de 16 e 17 anos analizan situacións de risco cotiás para comprender a importancia do autocontrol ante estas.
Alimentación e seguridade
Para concienciar da importancia de levar unha dieta completa e equilibrada e combater a obesidade infantil lévase a cabo ‘Alimentación saudable’. Un traballo que se complementa coas sesións ‘Habilidades e nutrición saudable’ para pais e nais que contan coa colaboración das ANPAS, asociacións e poboación en xeral.
O tema do impacto do alcohol e outras drogas na seguridade viaria abórdase na actuación ‘Cambio de sentido’. No caso do consumo nocturno de substancias ilegais por parte da mocidade tamén se analiza nos programas de prevención ‘Creative’ e ‘Alternativa’. As charlas sobre as redes sociais ou a celebración de datas conmemorativas como o Día Mundial da Sida completan o programa.
A estes programas hai que engadir outra serie dirixidos a distintos perfís poboacionais como son as actuacións no ámbito laboral na sensibilización ás empresas, difusión de guías etc. Tamén se traballa no eido da igualdade de xénero en colaboración cos centros de ensino e asociacións, e en coordinación cos traballadores, traballadoras, educadores e educadoras sociais.