Friday 22 de November de 2024

A Xunta ven de convocar a orde de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais, dotada cunha partida de preto de 4,2 millóns de euros


O ano pasado acolléronse a esta liña, impulsada por Economía, Emprego e Industria, quince concellos coruñeses, cun investimento dun millón de euros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o parque empresarial dos Capelos, acompañado polo alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño. Xuntos visitaron as obras, xa rematadas, de creación dun aparcamento, deseñado para mellorar o tráfico interno das estradas interiores.

O obxecto do proxecto era a adecuación, mellora a ampliación dun espazo que xa utilizaban os usuarios do parque como aparcamento, creando un verdadeiro espazo, e desconxestionando as vías interiores. A superficie acondicionada é de 3.592,50 metros cadrados. Na zona norte do polígono xa se conta cun aparcamento, pero as industrias da zona sur demandaban a mesma solución, posto que se estaban a utilizar as zonas de beirarrúa máis anchas coma aparcamento, co seu correspondente deterioro e risco.

A parcela na que se levaron a cabo os traballos era unha parcela que se atopaba baleira e que fora semi-acondicionada polo goberno local de Carral na súa parte máis plana cunha capa de saburra, pero que non era suficiente para dar cabida a tódolos vehículos da zona. Ademais, nos meses de inverno quedaba practicamente inservible polo charcos e fochancas consecuencia da choiva. Os traballos consistiron principalmente en dotar á zona final de aparcamento dun pavimento a base de aglomerado asfáltico e a ordenación do aparcamento mediante o pintado de diferentes prazas e dos carrís de circulación dentro do propio aparcamento.

Esta actuación foi posible ao abeiro da orde de axudas para parques empresariais, publicada o pasado 28 de decembro de 2015, e que preto de vinte intervencións en quince polígonos de outros tantos concellos da provincia. O importe da subvencións concedidas ascendeu a máis dun millón de euros.

Este mesmo luns o DOG ven de publicar unha nova convocatoria desta orde, co que se abre un período dun mes para que os concellos presentes as súas solicitudes. Esta vez o importe total das axudas previstas para toda Galicia ascende a preto de 4,2 millóns de euros.

Con carácter xeral, a orde contempla subvencións máximas do 80% do importe total considerado subvencionable, ata un máximo de 120.000 euros por solicitude. Para as solicitudes conxuntas, a contía porcentual máxima incrementarase nun 15% con respecto ao suposto xeral, cun máximo de 180.000 euros por solicitude. Así mesmo, a orde contempla a posibilidade de anticipar ata o 25 por cento do importe da subvención concedida.

Tamén este luns foi publicada no DOG a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais de Galicia. Esta orde, cun orzamento de 500.000 euros, ten como obxectivo habilitar novos espazos que se poñerán a disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos vantaxosos e por un prazo que pode alcanzar os 24 meses.

O delegado territorial destacou que “a Xunta colaborará cos municipios na execución de obras que impliquen a dotación de servizos centralizados”, e destacou iniciativas como a xeración e subministración de enerxía, a implantación de melloras no alumeado público, a posta en marcha de novas plantas de depuración de auga, a xestión de residuos, infraestruturas viarias, a colocación de sistemas de seguridade e vixilancia ou instalacións comúns destinadas á loita contraincendios. Como novidade, Ovidio Rodeiro destacou que “nesta convocatoria contemplase por primeira vez, a instalación de sistemas contra o roubo de cable”.