Este ano ningúen quedou fora da axuda por falta de fondos
A concelleira de Educación, Mª Jesús Gómez, cumpre co seu compromiso de que ningún escolar cambrés quede sen bolsa de estudo por falta de fondos. Este ano todos os solicitantes da axuda municipal que reuniron os requisitos recibirán nas próximas semanas a axuda.
Concedéronse un total de 141 bolsas de estudo, 54 ós alumnos de 2ª ciclo de Infantil, 65 ós alumnos de Primaria, e 22 ós alumnos de Secundaria, FP e Bacharelato. As únicas solicitudes rexeitadas foron por incumprir algún dos requisitos que establecían as bases. O total da achega municipal ascende a 12.000 euros. O goberno local aumentou para o vindeiro exercicio a contía destas bolsas de estudo nun 33,33%, polo que a cantidade ascende a 24.000 euros.
Este ano os beneficiarios da etapa Infantil tiveron axudas para a compra de libros de texto, material escolar e uniformidade; os de Primaria para uniformidade; e os de FP e Bacharelato para libros de texto e material escolar.
Segundo a concelleira de Educación este ano logrouse tramitar as axudas moitos meses antes e pagarase nos vindeiros días, mentras que noutros exercicios a achega chegou moito máis tarde aos fogares. “Logramos tramitar antes as axudas coa reorganización do sistema interno e co esforzo do persoal municipal e a axuda dos pais que presentaron, na maioría dos casos, a documentación en tempo e forma”.