Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión lembrará a Rosalía de Castro cunha programación especial de actividades lúdicas e culturais durante un mes


A Biblioteca Municipal inaugura este venres a exposición “Unha imaxe e mil versos”. En marzo realizaranse tres actos dirixidos á poboación escolar e un reparto de marcapáxinas entre a cidadanía en xeral

O Concello de Brión ten preparado un amplo programa de actividades lúdicas e culturais para celebrar con toda a cidadanía o Día de Rosalía, que se conmemora este venres 24 de febreiro. Un programa para celebrar o aniversario do nacemento da autora de “Campanas de Bastavales” que comezará este venres coa exposición “Unha imaxe e mil versos” na Biblioteca Municipal e que se estenderá ata o vindeiro 17 de marzo.

Así, este venres a biblioteca municipal de Brión presentará unha pequena exposición de seu con imaxes e poemas de Rosalía de Castro. Posteriormente, “Unha imaxe e mil versos” tamén poderá visitarse na biblioteca Roberto Vidal Bolaño do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros. O resto das actividades terán lugar durante o mes de marzo, para evitar solapamentos coas celebracións do Entroido.

Ruta, monicreques e animación

Así, o venres 3 de marzo, o alumnado do CEIP de Pedrouzos realizará unha pequena ruta pedestre dende o alto do Monte Rubial ata a igrexa parroquial de San Xiao de Bastavales. Nesta andaina, os nenos e nenas de Brión percorrerán os lugares que Rosalía inmortalizou no poema “Campanas de Bastavales”. Un percorrido guiado e que estará acompañado do recitado de poemas da inmortal autora.

Unha semana despois, o venres 10 de marzo, ás 18:00 horas, o centro social polivalente acollerá “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques de Larraitz Urruzola sobre a vida da ilustre artista galega. Unha actuación recomendada para todos os públicos e de asistencia libre e de balde.

Finalmente, o venres 17 marzo, ás 18:00 horas, a sala infantil da biblioteca municipal de Brión acollerá o espectáculo “Rosalía cumpre 180 anos! Queres celebralo con ela?”. Unha actuación especialmente dirixida ao público infantil e de entrada de balde ata completar aforo. Neste espectáculo, a actriz María Torres caracterízase como unha divertida Rosalía que sae dos libros para falar da súa vida, dos seus fillos e da súa paixón: a poesía; ao tempo que lles propón aos nenos e nenas presentes distintos xogos de creación literaria.

Durante todo este tempo, a Casa da Cultura de Brión protagonizará unha campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión. Unha campaña que destacará os vínculos sentimentais entre Brión e Rosalía a través dunha lona e unha serie de marcapáxinas deseñadas polo recoñecido artista Xosé Vizoso.

A lona instalarase anualmente no balcón da Casa da Cultura de Brión cada 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía. Os marcapáxinas repartiranse entre os escolares do concello e estarán dispoñibles de balde para toda a cidadanía na biblioteca municipal, na Casa Consistorial e Casa da Cultura de Brión.