Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición nun curso para obter o carné de manipulador de alimentos


Este curso terá lugar o 5 de decembro

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición nun curso para a obtención do carné de manipulador de alimentos, que terá lugar o próximo venres 5 de decembro. Este curso formativo terá lugar no centro social polivalente de Pedrouzos, en horario de 16:00 a 19:00 horas, e terá un custe de 25 euros. Será preciso reunir un grupo mínimo de 10 persoas para a súa celebración.

O carné de manipulador de alimentos faculta ao seu posuidor para obter traballo en empresas relacionadas coa manipulación de alimentos no sector hostaleiro (camareiros, panadeiros, dependentes de ultramarinos…), no sector alimentario, en comedores escolares… Durante as tres horas do curso, os alumnos e alumnas aprenderán tamén distintos conceptos sobre nutrición, a hixiene e manipulación dos alimentos, así como os distintos métodos de conservación dos alimentos.

As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura de Brión, chamando ao teléfono 981 50 99 08 ou a través do e-mail voluntariado@briondixital.org. O prazo de inscrición remata o próximo 28 de novembro.