Unha quincena de rapaces e rapazas, de entre 7 e 12 anos, participaron no Obradoiro de Máscaras, unha iniciativa gratuíta coa que o Concello de Oroso abre o seu programa de Entroido 2017 e que serviu tamén para conseguir máis participantes no seu Concurso de Máscaras de Entroido. Un programa que chegará ao seu punto álxido este sábado 25 de febreiro coa celebración do gran Concurso de Disfraces, que repartirá 3.170 euros en premios.
Para o próximo luns 27 de febreiro quedan os tres obradoiros de cup-cakes de entroido, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 4 e 13 anos. Uns talleres gratuítos que terán lugar no centro cultural de Sigüeiro entre as 10:30 e as 12:30 horas. Nestes momentos están case todas as prazas cubertas.
Para o mércores 1 de marzo queda o Obradoiro de Rosquiñas de Entroido, dirixido a nenos e nenas maiores de 6 anos. Un taller gratuíto no que, debido á demanda rexistrada, o Concello de Oroso decidiu facer dous grupos, o que altera os horarios orixinais. Así, os novos grupos terán lugar de 10:45 a 12:00 horas e de 12:15 a 13:30 horas no centro cultural de Sigüeiro.