Friday 22 de November de 2024

16 aspirantes participaron en San Sadurniño no primeiro exercicio do proceso selectivo de persoal administrativo


A Casa da Cultura acolleu esta mañá o primeiro exercicio do proceso selectivo para cubrir temporalmente unha praza de persoal administrativo. Á convocatoria presentáronse 34 persoas, aínda que finalmente só foron 16 as que acudiron ao exame. Tiveron unha hora para realizar unha proba tipo test con 50 preguntas polas que podían obter ata 20 puntos no cómputo total do concurso-oposición. O próximo exame celebrarase o xoves 2 de marzo a partir das 10.00h. tamén na Casa da Cultura.

A proba desta mañá desenvolveuse con total normalidade e no tempo establecido. De feito, ao tratarse de tan só 16 exames, o tribunal publicou a acta correspondente pouco despois das 14.00h. e antes das tres da tarde a información correspondente ás puntuacións obtidas e incluso o exame corrixido estaban xa dispoñibles na web municipal.

De acordo coas bases, este primeiro exercicio da fase de oposición outorgaba ata un máximo de 20 puntos e para superalo e continuar no proceso era necesario obter un mínimo de 10 ou, dito doutro xeito, acertar alomenos 25 preguntas cun valor de 0,4 puntos cada unha, xa que as erradas non restaban puntuación.

Das 16 persoas que se presentaron só 7 superaron a proba, con notas que van dos 10,8 aos 13,2 puntos. O próximo exame toca a semana que vén. Está posto para o xoves 2 de marzo ás dez da mañá na Casa da Cultura e nese caso as persoas aspirantes deberán desenvolver por escrito un máximo de 10 preguntas curtas sobre as materias comprendidas na parte específica do temario establecido no Anexo II das bases. Posteriormente deberán facer unha exposición oral dos exercicios perante o Tribunal cualificador.

Nesta proba poderanse obter un máximo de 20 puntos e tamén é de carácter eliminatorio se non se conseguen un mínimo de 10. O último exercicio -para o que aínda non hai data fixada- terá unha duración máxima de 90 minutos e consistirá na resolución por escrito dun máximo de tres supostos prácticos.

Ao último exame só deberán acudir aquelas persoas que non acreditasen documentalmente o coñecemento do galego. Terán 30 minutos para traduciren un texto do castelán ao galego ou do galego ao castelán e a nota que poderán sacar será a de apto/a ou non apto/a. Iso si, aínda que non puntúe, o exame será eliminatorio.

Este proceso selectivo ten por obxectivo contratar unha persoa por acumulación de tarefas para cubrir durante seis meses un posto funcionarial da subescala administrativa no departamento de secretaría-intervención.