Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño debaterá o sábado sobre a produción e comercialización da electricidade


O asunto da enerxía ou, máis ben, a cuestión de canto pagamos pola luz e o estado en que se encontran as liñas son temas de debate que están de actualidade ultimamente. Canda eles tamén se volve falar da enerxía nuclear como panacea enerxética e tamén se pon o acento sobre modelos alternativos de produción e comercialización á marxe das grandes empresas xeradoras, comercializadoras e distribuidoras, como ocorreu recentemente co Concello de San Sadurniño e a súa integración na cooperativa Nosa Enerxía SCG. Fálase máis que nunca de electricidade e para botar algo de luz sobre todos estes temas -e non é un xogo de palabras- o Concello organizou unha xornada de debate que se desenvolverá o sábado pola mañá na Casa da Cultura.

Na palestra participarán representantes da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña -a FAEPAC-, que explicarán o funcionamento do mercado enerxético, da distribución e, principalmente, dos mecanismos que se poñen en marcha para a fixación dos prezos que despois se repercuten na factura.

Canda esta fundación dependente da Deputación da Coruña tamén asistirá como poñente unha representación da cooperativa Nosa Enerxía de cara a expor a súa filosofía, os seus servizos e os seus plans para o futuro como comercializadora eléctrica de base social.

Pechará a rolda de intervencións antes do debate a asociación Os Picos do Sol, que leva varios anos colaborando co Concello na difusión dos métodos de autoprodución enerxética. Neste caso falarase dos distintos aproveitamentos que se poden facer para xerar electricidade ou para minimizar no fogar a dependencia externa. Pero tamén falarán da parte legal da xeración doméstica e dos atrancos que aquí lle pon o Estado a un modelo que triunfa noutros países europeos.

O obxectivo desta xornada que se desenvolverá o sábado a partir das 11 da mañá na Casa da Cultura é o de ofrecer información sobre a produción e o comercio da enerxía e, nomeadamente, sobre o mercado eléctrico, os seus prezos e as posibles alternativas das que podemos botar man como consumidoras e consumidores.

“O funcionamento do mercado eléctrico e a xestión deste servizo público fundamental é un asunto complexo de entender. O sector móvese en certa escuridade que incluso nos provoca indefensión como usurios e usuarias”, explica Secundino García. O alcalde de San Sadurniño engade que sería preciso “democratizar o sector enerxético para facelo eficiente, sustentable e, sobre todo, transparente” e de aí que se impulsase a xornada de debate do sábado, co obxectivo engadido de que “se empece a dar ese debate na sociedade”.

Charla sobre a venda directa en feiras e mercados
Desde á área de Desenvolvemento rural tamén se lembra que este mércores 22 de febreiro, o Concello e maila asociación agroecolóxica A Cortiña organizan unha charla sobre a normativa que rodea a venda directa de produtos primarios en feiras e mercados, recollida no Decreto 125/2014 da Xunta de Galicia.

Que documentación debemos ter, en que rexistros debemos constar e outras cuestións relativas á trazabilidade e calidade dos alimentos serán explicadas por persoal da Consellería do Medio Rural nun encontro que terá lugar na Casa da Xuventude a partir das 19.00h.