Friday 22 de November de 2024

A Xunta solicita ao concello da Coruña que reconsidere a opción de situar o futuro Centro de Saúde da Falperra no Mercado de Santa Lucía



Considera que a localización da parcela ofertada no Paseo das Pontes non é axeitada para dar cobertura á poboación asinada a Federico Tapia

A Consellería de Sanidade vén de remitir un escrito ao Concello da Coruña onde lle transmite que continúa a considerar que a localización máis axeitada para o futuro centro de saúde do barrio da Falperra está no edificio do Mercado de Santa Lucía, pola maior proximidade de Federico Tapia, ou en outra localización dese entorno próximo. Por iso, agradece o ofrecemento de terreos efectuado pero reitera a súa solicitude de reconsideración da actuación no Mercado de Santa Lucía que permita a construción do centro de saúde con outros usos previstos polo Concello.

Neste sentido, en setembro de 2016 recibiuse na Consellería un escrito da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda da Coruña no que se adiantaba a posibilidade de propor un emprazamento alternativo, que foi concretado en decembro co ofrecemento dunha parcela de 1.115,43 m2 no Paseo das Pontes.

Unha vez valorado este terreo por técnicos do Servizo Galego de Saúde considérase que a parcela ofertada, dende o punto de vista de superficie e accesibilidade, podería permitir a construción dun edificio destinado a centro de saúde, sempre que fora posible resolver as necesidades de aparcamento e mais alá de que -dada a súa cualificación urbanística actual- podería ser precisa a redacción dun Estudo de Detalle para permitir os usos precisos para centro de saúde.

Sen embargo, o obxectivo do Sergas é tratar de manter a poboación asignada aos profesionais do actual centro de saúde sen reordenación dos actuais cupos, e a construción dun centro no Paseo das Pontes -cunha distancia aproximada dun km respecto ao actual- suporía que unha porcentaxe importante dos cidadáns asignados aos actuais cupos pasarían a ter máis próximos outros centros de saúde como a Casa do Mar ou o de San Xosé. Isto orixinaría unha reordenación de cupos que se considera conveniente evitar para non incrementar neles a presión asistencial.

Ademais a maioría da poboación usuaria do actual centro de Federico Tapia -o 57% dos usuarios- está localizada na zona da Falperra, cunha importante porcentaxe de persoas maiores que terían dificultades de accesibilidade.

Mercado de Santa Lucía
Cómpre lembrar que o motivo da proposta inicial de Sanidade neste asunto foi a posibilidade de mellorar os espazos nos que actualmente se presta a asistencia sanitaria de Atención Primaria no centro de saúde da rúa Federico Tapia, polo que en outubro de 2014 se formalizou un protocolo de cooperación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o Concello da Coruña no que se estableceron as bases para o estudio de viabilidade de novos usos sanitarios do recinto do Mercado de Santa Lucía, de titularidade municipal.

Esta localización parecía axeitada pola proximidade ao actual centro de saúde e pola dispoñibilidade inicial de espazos nese recinto. Non obstante, tal e como se manifestou na reunión mantida en xullo de 2016 e nun escrito de agosto do mesmo ano, a proposta de construción do centro de saúde nos espazos indicados dende o Concello -un edificio anexo ao mercado- non se axustaba aos requirimentos dende o punto de vista asistencial e estrutural, fundamentalmente pola distribución en sete andares distintos e as dificultades de accesibilidade que isto levaría aparellado.

Como consecuencia diso, xa nesa mesma reunión solicitouse que se valorase a asignación de outros espazos no Mercado de Santa Lucía que puideran axustarse máis aos requirimentos indicados.

Dende o punto de vista da Consellería de Sanidade, o centro de saúde é, ademais dun espazo asistencial que pode ser mellorado, un bo dinamizador da actividade social e económica do seu entorno. Polo tanto, reitéralle a súa disposición ao Concello para manter as xuntanzas que considere conveniente ao fin de acordar unha solución que compatibilice os usos e que poida contribuír a enriquecer a proposta que se está a desenvolver.