Tan só seis días despois da premiere na Casa da Cultura de San Sadurniño, o Chanfaina Lab comeza a súa andaina a través de youtube. E faino cunha das pezas máis aplaudidas polo público, o “Deuteronomio 7:20” de Marta Piñeiro. É dela porque ela foi a realizadora e compositora dun tríptico humano espectacular onde o peso narrativo, o fío condutor e o protagonismo indiscutible é de Ángela Puentes Galdo, máis coñecida en Naraío como Gelis de Puentes. A súa circunstancia e maila paisaxe son elementos dos que Piñeiro tira proveito para ensarillar escenas aparentemente inconexas pero que, en conxunto, nos fan pensar sobre a forza feminina, no peso aínda grande da relixión na sociedade, sobre os efectos da globalización e ao respecto de cantas cousas se queiran…. porque esa é a gracia de “Deuteronomio 7:20”, que cadaquén tire as conclusións que lle pete. Liberdade total para pensar e obrar, a mesma que exhibe Gelis durante case un cuarto de hora.
Conta a ficha da curta en Fálame de San Sadurniño que Marta Piñeiro se achegou á Chanfaina coa intención de abordar a historia de Gelis despois de ver unha foto súa de nova sentada nun coche. “Ese foi o punto de partida da miña peza. Logo comezamos a conversar ao pé da fonte de San Roque en Naraío e alí o seu escepticismo retranqueiro ganoume definitivamente o corazón. A verdade que é unha muller incrible e fíxome pasar uns días marabillosos. Lembro que soaron as campás da Igrexa, saíu o cura José María Ladra e varias veciñas, entre elas Lucita. Tamén observaba as mazás da parroquia aniquiladas pola avespa velutina e como sempre me interesou a influenza da igrexa na vida cotián das xentes, o tema do filme agromou de xeito natural. Conectei todo isto cunha cita da Biblia sobre as pragas divinas”, explica a directora.
“Deuteronomio 7:20” invítanos a percorrer algúns recunchos dos arredores de Naraío da man de Ángela Puentes. A cámara de Marta visita relaxadamente a parroquia na procura de anacos de realidade ou trazos visuais do tempo detido: os poderes do cura José María Ladra, a saída fashion da misa parroquial, as persoais ideas e lembranzas de Gelis ou o poema recitado por Lucita na casa familiar. Todos eles e elas como representantes dunha comunidade que vive baixo da ameaza das avespas velutinas, convertidas en castigo divino pola perda da fe relixiosa na sociedade contemporánea.
Marta tece con agarimo e delicadeza o seu filme, paseniñamente, de xeito natural, ateigándoo con toques retranqueiros de humor intelixente e sen pretender en apariencia ningunha mensaxe trascendente, mais ofrecendo un punto de vista singular e orixinal que se dirixe directamente á cabeza da audiencia. Como asegura con ironía a propia cineasta: “que cada un saque as súas propias conclusións”.
A cineasta alaricana Marta Piñeiro é unha experimentada realizadora de moitas series clásicas da TVG dende “ Rías Baixas”, “Libro de Familia”, ”Padre Casares”,”O Nordés” ou “Matalobos”, acadando o premio Mestre Mateo á Mellor Realización en 2009 e 2011 polas dúas últimas.Tamén realizou outros programas da Televisión de Galicia como “A vida aberta” ou “Xcanto”.
Marta tamén está a desenvolver unha traxectoria como creadora independente en pezas mais persoais como “Aprendendo a cambiar o conto” ou “Tempo líquido” entre outras, onde ten amosado o seu compromiso coa igualdade de xénero e a procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Tamén impartiu formación en diversas entidades ou institucións como a SGAE e centros de ensino medio e universitario.